Maite Ferreiro anima á veciñanza a asistir ás actividades do Entroido
O pregón celebrarase na praza Maior, “unha iniciativa que puxemos en marcha o ano pasado para facilitar a asistencia da veciñanza ao inicio da celebración do Entroido”
Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 18 (categoría infantil) e o martes 21 (categoría adulta)
Lugo, 16 de febreiro de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, animou á veciñanza a asistir ás actividades do Entroido, que comezan mañá co Pregón. Ferreiro destacou que “para facilitar a participación da veciñanza”, o pregón do entroido terá lugar na praza Maior, “repetindo a iniciativa posta en marcha o ano pasado”. A xornalista lucense Marta Veiga Izaguirre será a pregoeira deste Entroido, que achegará múltiples actividades ás rúas nos vindeiros días. O Pregón contará con gradas para facilitar a visibilidade e cunha pantalla xigante. No caso de choiva, a área de Cultura habilitará unha carpa.
A animación musical do pregón correrá a cargo de Condensadores de Fluzo, e, a partir das 21:30, o recinto histórico encherase coa animación musical da charanga Louband.
O sábado 18 a animación comezará a partir das 18:00 co concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Clownamorado, de Rudi Dudi, e a partir das 20:00, a Tambukada estará no recinto histórico, rematando as actividades a partir das 22:00 coa actuación de Brassica Rapa polo recinto histórico
O domingo 19 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 a Peter Punk co seu espectáculo Chungo que te cagas, e o luns 20 Culturactiva representará a gala de circo Introitus, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.
O día 21, a Gramola Gominola representará a partir das 12:30 na praza Maior o seu espectáculo As que máis molan da Gramola. Pola tarde terá lugar, a partir das 18:00 o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Carta de Ajuste.
As actividades do Entroido rematarán o mércores 22 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.