Rubén Arroxo visita a peonalización na rúa Camiño Real
Rubén Arroxo: “esta actuación permítenos avanzar na recuperación de espazos para as persoas na contorna da Muralla, convertendo este punto no Bispo Aguirre da zona norte”
O Tenente Alcalde visitou os traballos xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas
Lugo, 16 de febreiro de 2023. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, visitou xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas a rúa Camiño Real, onde avanzan os traballos de peonalización do treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. Rubén Arroxo afirmou que “este treito será a rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, recuperando espazos útiles para as persoas”. O Tenente Alcalde destacou o “bo ritmo” co que avanzan as obras, e afirmou que “a veciñanza en breves poderá desfrutar dun novo espazo peonil completamente acondicionado”.
Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.
O Goberno de Lugo inviste 279.432,31€ nesta intervención, que ten un prazo de execución de 6 meses. A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desvíase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.