Rubén Arroxo: “desde o BNG queremos salvar o parque do Rato, non convertelo no novo Garañón”
O portavoz do BNG respostou ao PP, afirmando que “o trazado actual é inviable, suporía a destrucción de máis dun quilómetro de terreo natural do cinto verde de Lugo”
O BNG recollerá sinaturas esta tarde para reclamar á Xunta un novo percorrido para este vial
Lugo, 17 de febreiro de 2023. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, respostou ás declaracións do Partido Popular a respecto da Rolda Leste, afirmando que “queremos salvar o parque do Rato, non convertelo no novo Garañón”. Arroxo mostrouse “sorprendido porque o PP defenda a destrucción de máis dun quilómetro de terreo natural na contorna do parque do Rato, parte do cinto verde de Lugo”, e afirmou que “desde o BNG seguiremos traballando para salvar o parque do Rato, reclamando que se modifique o actual trazado, que é completamente inviable”.
Rubén Arroxo animou ao Partido Popular “a escoitar ás veciñas e veciños de Lugo e ver que reclaman un percorrido para a Rolda Leste que non afecte ao parque do Rato”, e afirmou que "sería impensable hoxe repetir o debate de hai 100 anos sobre derrubar a muralla, pero é algo similar ao que a Rolda Leste suporá para o río Rato".
O BNG iniciou unha campaña informativa sobre o proxecto da Rolda Leste, "informando á veciñanza sobre os danos que este proxecto suporá na contorna do río Rato, destruíndo máis dun kilómetro de terreo", declarou Arroxo. Esta tarde, o BNG colocará unha mesa informativa entre as 17 e as 19 horas na rúa da Raíña.