Volve a Lugo o torneo de Futbolín Maestros del Norte
O torneo, organizado pola Asociación de Amigos do Futbolín en colaboración coa área de Participación, acollerá a celebración dunha proba do campionato estatal
Cristina López: "continuamos a aumentar a oferta de actividades na Praza de Abastos, ampliando a oferta de ocio da cidade nesta ponte"
A cita celebrarase na Praza de Abastos durante esta fin de semana
Lugo, 17 de febreiro de 2023. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López e o deputado provincial de Deportes, Efrén Castro, presentaron, xunto con integrantes da Asociación Lucense de Futbolín o torneo "Maestros del Norte", que se celebrará nesta fin de semana no soto da Praza de Abastos. A concelleira de Participación, Cristina López, afirmou que "con esta cita buscamos repetir o éxito do torneo celebrado no verán, ao mesmo tempo que continuamos a aumentar a oferta de actividades na Praza e do Mercado, achegando unha nova oferta de ocio".
O torneo achegará a Lugo a un gran número de xogadores de futbolín, dado que se trata dun dos torneos máis importantes a nivel estatal.
A actividade comezará o sábado 19, a partir das 09:30 na modalidade Movemento. O domingo 19, o torneo continuará no mesmo horario coa modalidade Parado, e en ambas as competicións contarase con categorías Pro, Master e Avanzado.
A Asociación Lucense de Futbolín foi creada en 2018 co fin de promover e dar visibilidade a este deporte, fomentando a práctica do xogo inventado por Alexandre de Fisterra.