Marta Veiga Izaguirre da comezo ás actividades do Entroido 2023
A xornalista lucense foi a encargada do Pregón deste ano, que se celebrou por segunda vez consecutiva na praza Maior “para facilitar a participación da veciñanza”
Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 18 (categoría infantil) e o martes 21 (categoría adulta)
Lugo, 17 de febreiro de 2023. A xornalista lucense Marta Veiga Izaguirre foi a encargada de dar comezo ás actividades do Entroido 2023, organizadas pola Tenencia de Alcaldía, co pregón que se celebrou esta tarde na praza Maior. A actividade, celebrouse por segundo ano consecutivo na praza Maior, unha iniciativa posta en marcha pola edil de Cultura, Maite Ferreiro, co obxectivo de “facilitar a participación da veciñanza no acto de inicio do Entroido”. O acto contou coa animación musical de Condensadores de Fluzo, e as actividades do Entroido continuarán ata o vindeiro mércores 22.
O sábado 18 a animación comezará a partir das 18:00 co concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Clownamorado, de Rudi Dudi, e a partir das 20:00, a Tambukada estará no recinto histórico, rematando as actividades a partir das 22:00 coa actuación de Brassica Rapa polo recinto histórico
O domingo 19 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 a Peter Punk co seu espectáculo Chungo que te cagas, e o luns 20 Culturactiva representará a gala de circo Introitus, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.
O día 21, a Gramola Gominola representará a partir das 12:30 na praza Maior o seu espectáculo As que máis molan da Gramola. Pola tarde terá lugar, a partir das 18:00 o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Carta de Ajuste.
As actividades do Entroido rematarán o mércores 22 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.