MAITE FERREIRO: “NO DOMINGO DAS MOZAS TODAS AS ACTUACIÓNS SERÁN DE MULLERES OU GRUPOS FORMADOS POR MULLERES”
Maite Ferreiro anuncia que Dulce Pontes actuará no Domingo das Mozas
A música tradicional será protagonista desta edición da grande festa do outono galego
Lugo, 07 de agosto de 2019. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, anunciou, durante a rolda de prensa da Xunta de Goberno de hoxe, o segundo concerto desta edición do San Froilán. “Neste Domingo das Mozas será o día adicado, de xeito especial, ás mulleres, por iso todas as actuación serán de mulleres ou de grupos formados por mulleres” anunciou Maite Ferreiro, e engadiu “a cantante Dulce Pontes será a encargada de pechar este día coa súa actuación na Praza do Seminario”.
A cantante portuguesa Dulce Pontes, quen xa estivo no San Froilán no ano 2004, naceu en Montijo (Portugal) no 1969 é gañadora do Festival Nacional da Canción de Portugal do 1991, é coñecida internacionalmente como unha das mellores artistas da música portuguesa. Durante este ano celebra o 30 aniversario do inicio da súa carreira. Os seus traballos contribuíron ao renacemento do fado nos anos 90 e actualmente conta con 10 álbums publicados, ademais de numerosas colaboracións con outros artistas.
“Nesta edición da grande festa do outono galego, a música tradicional será protagonista” indicou Maite Ferreiro. “As agrupacións de música tradicional contarán tamén, durante estas festas, con espazos propios na programación”.