CON ESTA MEDIDA O GOBERNO RESPODE Á DEMANDA DA VECIÑANZA E DAS ASOCIACIÓNS DE COMERCIANTES E HOSTALEIROS DO CASCO HISTÓRICO
Un novo semáforo reducirá o tráfico do casco histórico
Regularase a saída de vehículos á Ronda dende a Porta Miñá, eliminando o complexo percorrido polo centro que se tiña que facer até o de agora
Lugo, 06 de agosto de 2019. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, xunto coa concelleira de Turismo, Maite Ferreiro, visitaron na mañá de hoxe o barrio da Tinería, onde nos próximos días se instalará un novo semáforo que regulará a saída de vehículos á Ronda da Muralla dende a porta Miñá, reducindo o número de vehículos que circulan polo centro da cidade.
Segundo Penas, “este novo semáforo regulará a entrada e saída do tráfico na Tinería, que antes estaba obrigado a saír facendo un percorrido pola Tinería, rúa Nova, praza da Soidade e praza de Armanyá”. Con esta medida o goberno responde a unha demanda de veciños e veciñas do casco histórico, ademais das asociacións que representan a comerciantes e hostaleiros do barrio.
“Dende as áreas de Infraestruturas e Turismo seguimos poñendo solucións para activar Lugo e convertelo nunha cidade amable coas persoas”, indicou o Concelleiro de Infraestruturas.