O GOBERNO DE LUGO E A ASOCIACIÓN CULTURAL XAQUEDRUM LEVAN ADIANTE ESTA PROPOSTA DE PROMOCIÓN DO XADREZ NAS RÚAS
Maite Ferreiro anuncia novas actividades de Xadrez na Rúa continuando coa programación anual da Concellería de Educación
O Goberno de Lugo e a Asociación cultural Xaquedrum levan adiante esta proposta de promoción do xadrez nas rúas
As actividades terán lugar do 2 ao 27 de setembro na Praza Maior
Lugo, 29 de agosto de 2024. A Concellería de Educación do Concello de Lugo, en colaboración coa Asociación Cultural Xaquedrum, o xornal El Progreso e Deporte Galego, levarán a cabo unhas novas xornadas de promoción do xadrez na rúa durante o mes de setembro, dentro do programa educativo Xadrez para tod@s.
"Co fin de dar alternativas deportivas en espazos públicos levamos a cabo Xadrez na Rúa, unha xornadas de promoción deste deporte que terán lugar na Praza Maior desde 2 de setembro ata o 27 de setembro", explicou Maite Ferreiro. As actividades serán de luns a vernes, en horario de 18 horas a 20 horas, e en caso de choiva ou mal tempo non se levarán a cabo.
Para estas xornadas, indicou Ferreiro, instalarase un xadrez xigante e varios taboleiros convencionais, de xeito que "todas as persoas que queiran poderán xogar e os que non saiban terán a oportunidade de aprender coa axuda de profesionais". Non é necesario a inscrición previa e a participación é totalmente gratuíta.
Maite Ferreiro destacou esta iniciativa xa que "ensina a pensar por conta propia, un dos piares que orientan o proceso educativo pois, ademais do contido lúdico, o xadrez abarca amplos aspectos que axudan a incentivar o pensamento, a lóxica e a responsabilidade das persoas que o practican".
O Goberno de Lugo realizou ao longo do ano distintas actividades de xadrez, con torneos, actividades de promoción na rúa e actividades nas aulas para as e os estudantes.