O BNG CONTINÚA COA SÚA CAMPAÑA PARA RECLAMAR UN XULGADO ESPECÍFICO DE VIOLENCIA DE XÉNERO PARA LUGO
Maite Ferreiro anunciou “a primeira proposta que levaremos ao Congreso será a dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo”
“Iremos ao Congreso a traballar para que Lugo funcione e para que as mulleres poidan saberse amparadas cando son agredidas” explicou Ferreiro
Lugo, 23 de marzo de 2019. A cabeza de lista ao Congreso polo BNG, Maite Ferreiro, anunciou en Lugo que “a primeira proposta que levaremos ao Congreso será a dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero para Lugo”. Ferreiro lembrou que o BNG leva tempo reivindicando a necesidade de que Lugo conte co Xulgado Específico de Violencia de Xénero e sinalou “estamos certas de que o BNG terá representación no Congreso e a nosa presenza servirá para que Lugo e Galiza teñan voz e voto onde se lexisla para todo o estado”.
Ferreiro lembrou que “son moitas as institucións que xa teñen manifestado a necesidade de creación deste Xulgado en Lugo, e no BNG seguiremos traballando para que se efectivice”. A edil do BNG e candidata ao Congreso apuntou que “a necesidade de contar cunhas instalacións axeitadas e persoal con formación específica en violencia de xénero faise patente cada vez que temos contactos con profesionais ou mulleres vítimas de violencia machista”.
Maite Ferreiro fixo este anuncio nun dos actos de rúa que o BNG programa regularmente para recoller sinaturas e facilitar postais que lle serán remitidas ao presidente da Xunta de Galiza. “Son moitas as persoas que se achegan para participar nestas campañas que promovemos dende o BNG de Lugo, por que esta si é unha preocupación real da sociedade e na nosa condición de representantes públicos temos que estar a pé de rúa para trasladar ás institucións o que á xente lle preocupa realmente” dixo Maite Ferreiro.