Maite Ferreiro e Cheché Real presentan o XVII Concurso de Tapas, co que colabora a Concellería de Cultura
A XVII edición do concurso de tapas terá lugar entre o 4 e o 20 de novembro
A clientela participante decidirá a tapa gañadora e as finalistas para o xurado profesional
Lugo, 14 de setembro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, xunto ao presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, presentaron hoxe a XVII edición do Concurso de Tapas de Lugo, que este ano se celebrará entre o 4 e o 20 de novembro.
Maite Ferreiro puxo en valor a importancia deste concurso para a cidade e para o turismo, así como para a hostalería local, e agradeceu aos establecementos participantes “o seu esforzo en buscar cada ano novos traballos con produtos locais”. Cheché Real falou do “agradecemento ao Concello polo apoio a este concurso”, e anunciou que “contamos cunha ampla participación de locais de hostalería, do mesmo xeito que nos anos anteriores”.
As tapas estarán dispoñibles para o público como mínimo de 13:00 a 15:30 horas e de 20:00 a 22:30 horas. Os votos contabilizaranse mediante o cupón de votación, que terá que ir selado polo establecemento e cuberto cos datos da persoa consumidora. A valoración farase do 1 ao 5, sendo 1 a nota máis baixa e 5 a máis alta. Todos os cupóns entrarán no sorteo de distintos premios.
O Xurado Popular elixirá o establecemento gañador, e un Xurado Técnico, os tres primeiros premios, así como o maridaxe con Estrella Galicia e Ribeira Sacra.