A EDIL DE CULTURA VISITOU AS ACTIVIDADES DO LUCUS MUSIC FESTIVAL, QUE SE ESTÁ A CELEBRAR AO LONGO DA SEMANA E CONGREGA EN LUGO A PROFESIONAIS DA MÚSICA DE TODO O MUNDO
Maite Ferreiro confirma a Triángulo de Amor Bizarro para o San Froilán 2024
O grupo coruñés chega a Lugo dentro da xira polo seu 20º aniversario, cun concerto no que o público decidirá os álbumes que tocarán
A edil de Cultura visitou as actividades do Lucus Music Festival, que se está a celebrar ao longo da semana e congrega en Lugo a profesionais da música de todo o mundo
Lugo, 21 de agosto de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, visitou as actividades da terceira edición do Lucus Music Festival co director artístico da mostra, o profesor Cristóbal Soler. Ferreiro destacou que esta actividade "converte a Lugo todos os anos na capital mundial da formación musical", e engadiu "contamos con actividades abertas ao público que están a ser un gran éxito, mentres que un grupo de preto de medio cento de profesionais da música poden desfrutar dunha importante formación especializada".
Na xornada de hoxe, a veciñanza poderá desfrutar dun concerto de Big Band na praza Anxo Fernández Gómez a partir das 20:30, e as actividades continuarán ata o sábado, con ensaios abertos en horario de mañá en distintos puntos do centro da cidade e concertos a partir das 20:30 no Vello Cárcere (xoves 22 e venres 23) e na Igrexa de San Pedro (sábado 24).
Triángulo de Amor Bizarro, xoves 10 de outubro ás 23h na Praza Santa María.
A concelleira de Cultura anunciou un novo concerto do San Froilán 2024, co grupo galego Triángulo de Amor Bizarro, que este ano celebra a súa xira de 20º aniversario. Triángulo de Amor Bizarro únese a Fillas de Cassandra (4 de outubro, 22:00, Horta do Seminario), La Perra Blanco (4 de outubro, 23:00, Santa María) e Club del Río (7 de outubro, 21:00, Santa María) como primeiras confirmacións do cartel da gran festa do outono galego para este ano.
Xa no seu debut foran nº2 na revista especializada Mondosonoro e nº9 na Rockdelux. No 2010 realizan unha xira por México e no 2011 gañan o premio IMAS á mellor banda española en México. O seu álbum "Año Santo" é nominado a 9 categorías nos premios da música independiente (UFI), gañando 4 delas (incluíndo Álbum do ano e Mellor directo).
Seguen a xirar nos seguintes anos por México e EEUU coa publicación de " Salve Discordia" no 2016 co que gañan o Premio Ruido (concedido por la Asociación de Periodistas Musicales de España ao mellor disco do ano). E obteñen 4 premios nos premios da música independente do 2016; Mellor artista, Álbum do ano, Álbum de Rock e Produción Musical.
No 2020 co seu quinto LP volven obter o Premio Ruído da Asociación de Periodistas Musicales de España.
Seguen publicando álbumes ata o día de hoxe e xirando por medio mundo e formando parte do cartel dos máis importantes festivais de Europa.
Neste 2024 e para festexar o seu aniversario aterran en Lugo dentro da súa xira 20 aniversario que ten unha particularidade xa que a propia banda anunciou que con motivo do seu vixésimo aniversario o repertorio de cada concerto "variará segundo o azar".
Ao inicio de cada actuación serán a sorte e o público quen decida qué dous álbumes tocarán íntegramente de entre os seis que compoñen a súa discografía oficial, convertidos en cartas do tarot.