Maite Ferreiro convoca para o vindeiro martes unha nova xuntanza da Comisión de Festas
Maite Ferreiro: “este ano agardamos ter unhas festas sen ningún tipo de restriccións, recuperando o San Froilán como gran festa do outono galego”
A edil de Cultura presentará os avances realizados na organización das festas aos grupos políticos
Lugo, 02 de setembro de 2022. A Comisión de Festas reunirase o vindeiro martes para valorar os avances realizados pola área de Cultura de cara ao San Froilán 2022. Segundo explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, “estamos a ultimar a edición 2022 do San Froilán, que se parecerá máis ao San Froilán 2019 que ás edicións dos últimos dous anos, marcadas polas distintas restriccións da pandemia”.
Ferreiro afirmou que “na vindeira xuntanza levaremos a proposta de pregoeira das festas e oferente a Rosalía”. A concelleira de Cultura presentará os avances realizados á comisión, que está composta por 8 integrantes, 3 en representación do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.
Ferreiro agradeceu a todas as agrupacións, artistas, empresas e ao persoal do concello a implicación que demostraron para que o San Froilán 2022 fose adiante, ao mesmo tempo que agradeceu "a labor dos medios de comunicación, que trasladaron e transmitiron seguridade e información de todo o proceso".