Maite Ferreiro destacou “os bos datos de visitantes” rexistrados durante o San Froilán

As instalacións turísticas municipais rexistraron máis de 11.000 visitantes durante as festas

Ferreiro destacou a “satisfacción” do sector hoteleiro e hosteleiro de Lugo, chegando nalgún caso a rematar as existencias nos locais de hostalería

Maite Ferreiro destacou “os bos datos de visitantes” rexistrados durante o San Froilán

Lugo, 15 de outubro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, fixo balance dos datos de visitantes rexistrados polas instalacións turísticas municipais durante o San Froilán. Maite Ferreiro destacou “os bos datos de visitantes” rexistrados durante as festas, “o que se demostra coa satisfacción do sector da hostalería e a alta ocupación das prazas hoteleiras rexistrada”.

As instalacións turísticas municipais recibiron en total a visita de 11.133 visitantes, dos cales máis de 5.500 foron atendidos no posto de información turística da praza Maior, “un dos puntos máis importantes na información turística durante o verán e tamén durante as festas”, explicou Maite Ferreiro.

O Vello Cárcere foi a sala museística que recibiu máis visitas durante as festas, con 3.323 visitantes entre o 4 e o 12 de outubro, cun total de 4.590 visitantes rexistrados no conxunto das 5 salas museísticas.

No tocante á procedencia, Galiza e as zonas do estado próximas foron as zonas con máis turistas rexistradas, mais cun importante número de turistas procedentes do resto de países de Europa.

Maite Ferreiro destacou “os bos datos de visitantes” rexistrados durante o San Froilán