Rubén Arroxo: “estudamos incluír a remodelación do tráfico na Fonte dos Ranchos no orzamento do 2023”
O Tenente Alcalde mantivo unha xuntanza coa portavoz de Cs, Olga Louzao e persoal técnico da área de Mobilidade
Arroxo: “trátase dunha das principais entradas á cidade desde a N-VI, buscamos unha solución que permita a convivencia entre as persoas e o tráfico”
Lugo, 17 de outubro de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo mantivo unha xuntanza coa portavoz de Cidadáns, Olga Louzao, para tratar a proposta presentada no último pleno municipal relativa á remodelación da Fonte dos Ranchos. Arroxo afirmou á saída da xuntanza que “desde o Goberno de Lugo estudaremos incluír esta solución nos orzamentos do ano 2023”.
O Tenente Aclalde destacou que ”esta zona comunica unha das principais entradas a Lugo a través da N-VI, acollendo unha gran cantidade de tráfico cada día”. Arroxo anunciou que “estudaremos unha solución que permita mellorar a seguridade viaria nesta zona, avanzando na recuperación de espazos para as persoas, cun tráfico calmado, na liña do traballo que levamos realizando desde a área de Mobilidade durante todo o mandato”.
Arroxo afirmou que a área de Mobilidade estudará a proposta presentada polo grupo municipal de Cidadáns, “unha proposta interesante para continuar a mellorar a cidade”, e engadiu “desde o Goberno estudamos todas as propostas achegadas pola oposición e pola veciñanza traballando sempre para mellorar os espazos públicos de Lugo”.