Maite Ferreiro enviará unha misiva institucional ao Conselleiro de Cultura para preguntar polas actividades culturais do Xacobeo
A edil de Cultura afirmou que “o Xacobeo 2021 conta con máis de 85 millóns de euros, mais non temos unha programación definida para Lugo”
Maite Ferreiro: “a Xunta debe apostar polo tecido cultural e polas empresas locais”
Lugo, 24 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, remitirá ao conselleiro de Cultura unha misiva institucional para solicitarlle a programación cultural que a Xunta de Galiza organizará durante este ano en Lugo, enmarcada nas actividades do Xacobeo 2021. Maite Ferreiro explicou que “a Xunta de Galiza destina máis de 85 millóns de euros para a programación cultural do Xacobeo, mais desde a área de Cultura de Lugo aínda non temos coñecemento das actividades que van conformar esta programación”.
“Desde a área de Cultura do Concello de Lugo tratamos de dar á veciñanza acceso á programación cultural de maneira semestral, para facilitar a planificación a todas as persoas interesadas nas actividades culturais”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “gustaríanos que a Xunta de Galiza se implicara na programación da actividade cultural lucense, tendo en conta o grande investimento que se vai realizar na cultura neste ano”.
Maite Ferreiro pedirá tamén “que a proposta do goberno galego apoie tamén ao tecido cultural local, un sector que se está a ver moi afectado pola crise sanitaria”. Para Maite Ferreiro, “a Xunta debe mostrar o mesmo compromiso co tecido cultural galego que mostramos desde a área de Cultura do concello de Lugo, apostando fortemente polas empresas e polo tecido cultural local, para garantir a actividade e reducir o efecto da crise nos centos de familias que viven da cultura en Galiza”.