Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitaron o barrio de Paradai, onde se están a levar a cabo traballos de mantemento
Infraestruturas investiu máis de 16.000€ na mellora do barrio, recollendo as propostas achegadas por colectivos veciñais
Rubén Arroxo: “realizamos unha serie de intervencións de mantemento en varias rúas do barrio para mellorar as condicións das veciñas e veciños”
Lugo, 25 de xaneiro de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron o barrio de Paradai, onde se están a levar a cabo unha serie de actuacións de mantemento en varias rúas. Rubén Arroxo explicou que “estamos a realizar pequenas intervencións que mellorarán cuestións importantes para o día a día da veciñanza, como a accesibilidade”.
A concellería de Infraestruturas Urbanas inviste máis de 16.000€. Esta actuación consiste tanto na melora da beirarrúa como na colocación de reixas para a recollida de augas pluviais na rúa do Hórreo, que eliminará as inundacións que se estaban a provocar nos días de choiva. Ademais, na rúa Lucas Ferro Caveiro estase a levar acabo a renovación do pavimento da beirarrúa, xunto cunha mellora do acceso ás escaleiras que a comunican coa avenida Infanta Elena. Ademais, colocarase unha varanda.
Rubén Arroxo afirmou que “desde a área de Mobilidade e Infraestruturas planificamos accións a desenvolver continuamente nos distintos barrios e zonas periurbanas para garantir a calidade de vida das veciñas e veciños”. O Tenente de Alcalde destacou “a importancia da colaboración da veciñanza na planificación destas intervencións ao achegarnos as súas necesidades, xa que son quen coñecen de primeira man as necesidades que ten a súa zona”.