Maite Ferreiro: “o gasto do San Froilán 2020 é inferior ao realizado en edicións anteriores malia que se multiplicaron as actuacións e os recintos”
A concelleira de Cultura presidiu unha xuntanza da Comisión de Festas, onde se valoraron as contas da semana cultural do San Froilán
Maite Ferreiro destacou “o esforzo realizado polas empresas, artistas e pola veciñanza de Lugo para demostrar que a cultura é segura”
Lugo, 12 de novembro de 2020. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá unha xuntanza da Comisión de Festas na que deu conta dos gastos e ingresos da semana cultural do San Froilán deste ano. “A estratexia adoptada para non concentrar o público foi un éxito, mais levou implícito un aumento nos custos de produción, xa que tiveron que habilitarse 7 recintos para as actuacións musicais e un oitavo para as mostras de artesanía”, explicou Maite Ferreiro.
Para este fin, a área de Cultura tivo que multiplicar o número de carpas, valar os recintos, e garantir os recursos materiais e humanos para que a veciñanza de Lugo puidera acceder a máis de 125 actividades culturais seguras. Maite Ferreiro destacou “a implicación das artistas, que axudaron a levar adiante este modelo seguro de concertos simultáneos poñendo todas as facilidades pola súa banda”.
En total, a semana cultural do San Froilán supuxo unha inversión por parte do Concello de 552.435,19€. Os ingresos víronse mermados, xa que este ano non se contou coas achegas dos postos do Recinto Feiral nin das casetas do Polbo. Outras administracións, destacadamente a área de Cultura da Deputación de Lugo, a Axencia de Turismo de Galiza, xunto con outros inversores privados colaboraron de cara á realización desta semana cultural, achegando 52 mil euros.
Ferreiro agradeceu a todas as agrupacións, artistas, empresas e ao persoal do concello a implicación que demostraron para que o San Froilán fose adiante, ao mesmo tempo que agradeceu "a labor dos medios de comunicación, que trasladaron e transmitiron seguridade e información de todo o proceso". Ferreiro lembrou tamén "a todo o público asistente, que co seu comportamento fixo posíbel que esta semana cultural se desenvolvese de xeito seguro".