Maite Ferreiro: “Lugo estase a colocar como un referente turístico á hora de visitar Galiza”
“Apostamos por un turismo desestacionalizado con propostas de calidade para achegar visitantes durante todo o ano”, explicou Maite Ferreiro
Ferreiro “a Xunta ten que retomar a rehabilitación da Tinería, un barrio cun gran atractivo turístico”
Lugo, 06 de setembro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, analizou os datos de turísticos tomados nas distintas instalacións municipais. Ferreiro explicou que “a primeira metade do ano estivo marcada pola pandemia, mais co comezo da campaña de verán Lugo situouse como un referente turístico para moitas persoas que se achegaron a visitar Galiza”.
A edil de Cultura lembrou que “desde a nosa chegada ao goberno traballamos para traer a Lugo propostas de calidade que acheguen visitantes durante todo o ano”, e destacou “propostas como a exposición A historia de Galiza a golpe de Click, que fixeron que o MIHL superara só nos últimos meses o total de visitantes marcado no 2019”.
“Lugo ten un emprazamento privilexiado debido a súa proximidade xeográfica coas distintas zonas máis turísticas da Galiza, ao mesmo tempo que ten unha riqueza patrimonial, etnográfica, cultural e gastronómica que fan da nosa cidade o sitio ideal que visitar, fuxindo da masificación do resto de zonas turísticas”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “desde as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo estamos a traballar para mellorar a cidade e continuar a atraer turismo de calidade”.
Ferreiro reclamou ao goberno da Xunta de Galiza “que retome a rehabilitación do barrio da Tinería despois de mantelo máis dunha década abandonado”. "As persoas que pasean pola Muralla ven o abandono de zonas como o Pazo de Dona Urraca ou a excavación dos fornos atopados na UI-7, proxectos cuxa elaboración xa estaba licitada, e que foron abandonados no ano 2009", declarou Maite Ferreiro, que engadiu "trátase de restos arqueolóxicos completamente abandonados que se poderían converter en grandes atractivos turísticos, tanto para o público xeral como para as persoas especializadas en arqueoloxía".