NO ANO 2024 ORGANIZÁRONSE 394 ACTIVIDADES CULTURAIS EN LUGO "CASE DÚAS ACTIVIDADES CULTURAIS POR DÍA DE MEDIA"

Maite Ferreiro mantivo un encontro co director do Centro Dramático Galego

Ferreiro: "Lugo é unha das cidades con máis actividade cultural estendida durante todo o ano"

No ano 2024 organizáronse 394 actividades culturais en Lugo "case dúas actividades culturais por día de media"

Maite Ferreiro mantivo un encontro co director do Centro Dramático Galego



Lugo, 10 de xaneiro de 2025. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, mantivo un encontro co director do Centro Dramático Galego para "continuar a traballar da man na promoción do teatro nas distintas instalacións culturais de Lugo". Ferreiro afirmou que o compromiso da Tenencia de Alcaldía é "achegar a cultura a todos os públicos nos distintos espazos dispoñibles na cidade, cunha oferta variada e de calidade".

A edil de Cultura afirmou que no ano 2024, as instalacións dependentes da área de Cultura acolleron en total 694 actividades culturais tanto nas principais instalacións - Auditorio Gustavo Freire, Vello Cárcere, MIHL - como en espazos diversos da cidade como o Círculo das Artes ou as múltiples actividades de rúa. "Isto danos que, de media, as persoas de Lugo puideron desfrutar cada día de case dúas actividades culturais, cunha oferta ampla e variada", afirmou Ferreiro.

Esta programación cultural inclúe actividades de todo tipo durante a maioría dos días da semana. Concertos, representacións teatrais, presentacións de libros, exposicións, ou faladoiros que, segundo destacou Ferreiro, "permiten á veciñanza de todas as idades adentrarse e coñecer o mundo da cultura e de todas as súas ramas".

No referente ás artes escénicas Ferreiro destacou a importancia do Auditorio Municipal Gustavo Freire, que contou con 111 actividades organizadas directamente pola área de Cultura, onde se inclúen ciclos de teatro familiar, para público adulto e 1ª infancia, artes do movemento, maxia e circo ou música, ademais de 70 actividades organizadas por promotores privados. Ferreiro afirmou que "de cara a 2025 seguiremos a ampliar a programación ao contarmos cunha instalación máis, o Auditorio Fuxan os Ventos".

Maite Ferreiro mantivo un encontro co director do Centro Dramático Galego