A CONCELLEIRA DE CULTURA EXPLICOU QUE "BUSCAMOS COÑECER PROXECTOS NOVIDOSOS E ATRAER TURISMO A LUGO"
Maite Ferreiro mantivo xuntanzas con profesionais do sector turístico en Fitur
A concelleira de Cultura explicou que "buscamos coñecer proxectos novidosos e atraer turismo a Lugo"
Ferreiro realizou as distintas visitas xunto co Presidente da APEHL, Cheché Real
Lugo, 27 de xaneiro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo xuntanzas con axentes turísticos e medios de comunicación especializados así como profesionais de outras zonas do estado e do estranxeiro, na Feira Internacional de Turismo Fitur, en Madrid. A concelleira de Cultura explicou que "ademais de promocionar a imaxe de Lugo e a campaña Lugo Km 100, quixemos aproveitar Fitur para coñecer proxectos novidosos que permitan atraer turismo a Lugo".
A concelleira de Turismo estivo acompañada por Cheché Real, presidente da APEHL. Ferreiro destacou a importancia do sector da hostalería e da restauración en Lugo, e afirmou que "o turismo gastronómico, xunto co cultural e o patrimonial integran os grandes atractivos de Lugo, e traballamos xunto coas distintas asociacións implicadas para continuar a promocionar estes aspectos da cidade".
A campaña Lugo Km 100 foi presentada na edición 2020 de Fitur, como unha aposta para poñer en valor a cidade de Lugo e o seu patrimonio histórico e cultural. A campaña está acompañada de diversas accións realizadas polas distintas áreas da Tenencia de Alcaldía para promocionar Lugo como punto de partida do Camiño Primitivo cumprindo cos 100 Km mínimos que se requiren para obter a Compostela.