Maite Ferreiro parabeniza ás catro finalistas lucenses dos Premios Martín Códax da Música 2022
”Desde a área de Cultura traballamos sempre para apoiar ao tecido cultural local, apostando pola calidade das e dos creadores de Lugo”, afirmou Maite Ferreiro
A novena edición dos premios conta con catro artistas e agrupacións lucenses entre os seus finalistas
A edil de Cultura presentou o ciclo Lugoson, Cantautores na rúa, que terá lugar o vindeiro sábado 18 na praza Maior
Lugo, 15 de setembro de 2022. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, parabenizou ás catro artistas e agrupacións lucenses nominadas na 9ª edición dos Premios Martín Códax da Música. Ferreiro destacou que “desde o Goberno de Lugo traballamos sempre na promoción da cultura, centrándonos en apoia ao tecido cultural local”, e engadiu “nos últimos anos, traballamos en dar protagonismo ás e aos músicos de Lugo con espazos importantes no San Froilán e ciclos propios como o Muralleando, un dos grandes ciclos musicais do verán”.
A novena edición dos Premios Martín Códax da Música conta con catro agrupacións de Lugo entre os finalistas escollidos. O xurado profesional dos premios escolleu á banda Arrhythmia na categoría Metal, a Nebra na categoría Músicas do Munco e Mestizaxe, e a Cántigas e Frores xunto con Airiños da Freba na categoría de Música Tradicional. O vindeiro 5 de outubro realizarase a gala de entrega de premios, onde se desvelarán aos gañadores de cada categoría despois do voto popular das integrantes da asociación Músicas Ao Vivo.
Encontro Cantautores na rúa
Maite Ferreiro anunciou que este sábado, 17 de setembro, a praza Maior acollerá un encontro de cantautores. Os artistas César de Centi, Jairo Quiñoa, Noelia Geada e Climan desenvolverán os seus concertos na praza Maior entre as 12:00 e as 15:00, ademais, a xornada rematará con 1º Certame Internacional de Cantautores, onde se entregarán os premios Javier Krahe, e que contará coa participación dos cantautores Daniel Guantes, Laura Moreno, Pepe Vacas, Pilu Velver e Álvaro Ruíz, procedentes de distintas zonas do estado.