RETRANSMITIRASE DE XEITO TELEMÁTICO NO FACEBOOK DE GALIZA NOVA O VINDEIRO XOVES 21 A PARTIR DAS 20 HORAS
Maite Ferreiro participará na charla “A cultura en Lugo” que organiza Galiza Nova
Na palestra participarán tamén mozas e mozos vencellados á cultura da contorna lucense
Lugo, 18 de xaneiro de 2021. Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, vén de anunciar unha charla informativa sobre a situación da cultura en Lugo. Esta palestra, plantexada nun formato táboa redonda, contará coa vicepresidenta da deputación e concelleira de cultura de Lugo, Maite Ferreiro e tamén participarán Iago Suárez, músico, Sergio Marey, artista e curador, Natalia Pía, ilustradora e ceramista e Carme López, música.
Segundo Alexandre Espiño, responsábel comarcal de Galiza Nova en Lugo, a idea da palestra naceu “da preocupación e o interese das mozas organizadas en Galiza Nova pola marcada dificultade que atopa a xente moza para dedicarse profesionalmente á cultura, máis agora que coa crise do COVID-19 a cultura foi perseguida dun xeito tan belixerante”. Alexandre Espiño afirmou que “decidimos continuar con estas actividades dado o éxito da palestra de vivenda que organizamos a semana pasada”.
Alexandre Espiño sinalou que “hai moito interese por saber como se pode axudar e dar alternativas á mocidade desde as institucións e os concellos e por iso quixemos invitar a Maite Ferreiro para que nos conte o traballo que se está a desenvolver dende a área de cultura de primeira man”. A palestra poderá seguirse en directo, a través da páxina de Facebook de Galiza Nova da comarca de Lugo (facebook.com/galizanovalugo), a partir das 20 horas.