Maite Ferreiro presenta as actividades culturais do Entroido 2022

A área de Cultura organiza 15 actividades entre o martes 22 de febreiro e o venres 4 de marzo

Os concursos de disfraces terán lugar na tarde do sábado 26 de febreiro (categoría infantil) e o 1 de marzo (categoría adulta)

Maite Ferreiro presenta as actividades culturais do Entroido 2022

Lugo, 16 de febreiro de 2022. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades culturais que darán forma á programación do Entroido 2022. “Trátase de 15 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa”, afirmou Maite Ferreiro, que destacou “a volta do concurso de disfraces que o ano pasado non se puido realizar debido á pandemia”.

As actividades do Entroido 2022 comezarán o vindeiro martes, 22 de febreiro, coa Tradescola, que realizará unha nova actividade propia das datas do entroido como é o Folión de Entroido. A actividade partirá do Centrad ás 17.00 h, e todos os alumnos e alumnas que queiran participar irán marcando os ritmos característicos do Folión acompañados con bombos, tambores, chocas e outros utensilios de labranza metálicos para facer este pasarrúas especial de Entroido. Faranse paradas en distintas rúas e prazas do centro da cidade e realizaranse pequenas intervencións con bailes e cantos típicos do entroido.

“Con esta saída polo centro da cidade pretendemos que todo o público lle de a benvida ao Entroido e poda participar de maneira activa, acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido permaneza viva ao longo do tempo”, afirmou Maite Ferreiro.

O venres 25, as actividades comezarán co Pregón do Entroido, a cargo do músico local David Taboada, e continuarán a partir das 20:30 coa actuación musical da charanga Unión Phenosa polo recinto histórico.

O sábado 26 a animación comezará a partir das 12:30, coa actuación da Tambukada, que continuará ás 14:00, ambas actuacións pola zona centro.   A partir das 17:00, terá lugar o concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Kote Malabar, e a partir das 20:30, a charanga Asociación Amigos da Terra Chá.

O domingo 27 a praza Maior contará coa gala de circo de Entroido Introitus, interpretada por Culturactiva.

O luns 28, a compañía de teatro Down Lugo e Cía realizará o seu espectáculo Ti te me deixas querer? no fondo da praza Maior ás 19:00, e a partir das 20:30 a charanga OT animará as rúas do centro da cidade.

O martes 1 de marzo a partir das 12:30 sairá da praza Maior o espectáculo itinerante Pakonstein, a cargo da compañía Discípulos de Morales. Pola tarde terá lugar o concurso de disfraces en categoría adulta, a partir das 17:00 na praza Maior, e ás 18:30 a charanga Paradela realizará animación de rúa polo centro da cidade.

As actividades do Entroido rematarán o venres 4 co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.

Maite Ferreiro presenta as actividades culturais do Entroido 2022