A CONCELLEIRA DE CULTURA AFIRMOU QUE "A PESAR DA CHOIVA, LUGO CONSOLIDOUSE COMO UN IMPORTANTE DESTINO NESTAS DATAS"
Maite Ferreiro presenta os datos turísticos da Semana Santa
A concelleira de Cultura afirmou que "a pesar da choiva, Lugo consolidouse como un importante destino nestas datas"
A Casa dos Mosaicos foi a instalación que máis visitantes recibiu nestas xornadas, rexistrando preto de 1500 persoas
Lugo, 01 de abril de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou os datos de turismo da semana santa de 2024. Ferreiro explicou que "o número de turistas que se achegaron a Lugo estes días demostran que Lugo xa está consolidado como un destino estratéxico á hora de visitar Galiza". Maite Ferreiro afirmou que "seguiremos traballando para continuar a mellorar os datos e garantir a mellor atención ás persoas que nos visiten".
A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo atendeu en total a 1622 turistas durante a semana santa, destacando as procedentes do resto de Galiza e das principais zonas do estado, entre as que destacan Madrid e Cataluña, seguidos de Valencia, País Vasco e Andalucía. Europa e América son os lugares dos que proceden maior número de turistas no eido internacional
As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron números similares ao ano 2023, a casa dos Mosaicos acolleu 1473 visitas, converténdose na salas museística máis visitadas xunto co Vello Cárcere, con 1291 persoas. O MIHL pechou a xornada con 1220 visitantes.
Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid, Andalucía e Cantabria. Suecia, Bélxica e Finlandia foron os países europeos con máis visitantes rexistrados durante esta Semana Santa