O MURALLEANDO 2021 CONTARÁ CON 12 CONCERTOS, UN CADA VENRES E SÁBADO ÁS 20:30 ENTRE O 30 DE XULLO E O 11 DE SETEMBRO
Maite Ferreiro presenta a segunda edición do ciclo Muralleando, que se celebrará na carpa da praza da Soidade
"Organizamos o Muralleando no 2020 como unha maneira de apoiar ao tecido cultural local durante o confinamento, cando se puido comezar a pasear pola Muralla", lembrou Maite Ferreiro
Lugo, 23 de xullo de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou xunto a Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza a segunda edición do ciclo de concertos Muralleando, que este ano terá lugar na carpa da praza da Soidade, e contará con 12 grupos de Lugo de distintos estilos. Maite Ferreiro lembrou que "desde a área de Cultura organizamos o Muralleando ano pasado cando se comezaron a permitir os paseos pola rúa, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos".
O Muralleando 2021 terá lugar a partir das 20:30 dos venres e sábados entre o 30 de xullo e o 11 de setembro, e cada día contará cun grupo local, tratando de achegar distintos xéneros para, segundo Maite Ferreiro, "continuar a promocionar a gran calidade e diversidade dos grupos locais mentres facilitamos que todas as veciñas e veciños poidan acudir a un concerto que coincida cos seus gustos musicais". O acceso aos concertos será libre ata completar a cabida do recinto.
A área de Cultura complementa co Muralleando 2021 a programación cultural do verán, que continúa nas tardes dos xoves co ciclo Tarde e Tardiña na Canella do Hospital, e que cada xornada trae un espectáculo para público familiar e un recital de poesía que conta con varias das mellores voces da poesía galega contemporánea acompañadas de música. Ademais, durante os domingos celébrase na praza Maior a Mostra de Vellos Oficios Artesáns, que trae cada día a dous artesáns para facilitar o coñecemento dos oficios a través da vivencia en directo e do facer das e dos artesáns.
Concertos Muralleando 2021
-
Venres 30 de xullo – Airiños da Freba
-
Sábado 31 de xullo – Fruit Juzz
-
Venres 06 de agosto – Wicked World
-
Sábado 07 de agosto – Funkombo
-
Venres 13 de agosto – Muddy Doll
-
Sábado 14 de agosto – Os Picorruchos
-
Venres 20 de agosto – Iria Estévez
-
Sábado 21 de agosto – Galyrion
-
Venres 03 de setembro – A volta do Agro
-
Sábado 04 de setembro – The Wireless
-
Venres 10 de setembro – Lacón con Grelos Blues Band
-
Sábado 11 de setembro – Tango en Xaneiro