FERREIRO: "ESTE ANO CONTAREMOS COA INVESTIGADORA SONIA VILLAPOL PARA DAR COMEZO ÁS FESTAS E Á ACTRIZ MELANIA CRUZ COMO OFERENTE A ROSALÍA"

Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía

Ferreiro: "este ano contaremos coa investigadora Sonia Villapol para dar comezo ás festas e á actriz Melania Cruz como oferente a Rosalía"

A comisión de festas acordou revisar os prezos das casetas do polbo, vixentes desde o ano 2018, fixando a ración de polbo en 14€ e a ración de cachelos a 2€

Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía

Lugo, 04 de setembro de 2023. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Comisión de Festas, onde o conxunto da Corporación Municipal valorou os avances realizados de cara á organización do San Froilán 2023.

Maite Ferreiro anunciou que a comisión de festas aprobou por unanimidade que a investigadora Sonia Villapol sexa a pregoeira desta edición das festas, mentres que a actriz Melania Cruz será a oferente a Rosalía.

A Comisión de Festas, composta por 2 representantes do grupo municipal do  BNG, 3 do grupo municipal do PSOE e 4 do PP aprobou por unanimidade a revisión dos prezos das casetas do polbo, que levaban conxelados desde o ano 2018.

Maite Ferreiro explicou que "atendemos á solicitude das e dos hostaleiros mantendo uns prezos asequibles nas casetas do polbo, un símbolo das festas do San Froilán". Os 3 grupos da corporación acordaron que a ración de polbo (250g) pase de 12 a 14€, mentres que a de cachelos subirá de 1,50 a 2€. A ración de pan manterase a 1.50€, e a botella de viño, a 6€.

A área de Cultura continúa co procedemento de licitación da caseta número 2, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro mércores. Continúa tamén en proceso de contratación a producción e o equipamento dos distintos escenarios e espazos das festas, cun orzamento base de 234.679,50€ para os escenarios da praza Horta do Seminario, praza de Santa María, Seminario Menor e praza da Mosqueira, xunto coas carpas precisas para os distintos espazos.

 

Sonia Villapol é investigadora e profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Formouse na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Foi investigadora do CNRS e do INSERM en París e no NIH e na universidade de Georgetown. Investiga os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas, e conta con máis de 70 artigos publicados. Forma parte do grupo de investigación internacional da COVID-19, analizando como afecta o coronavirus ao cerebro e ao sistema nervioso e os seus efectos a longo prazo. No 2023 publicou o seu primeiro libro de divulgación científica, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, un percorrido polos descubrimentos da COVID e cuestións como as vacinas, a COVID persistente, o impacto emocional da pandemia ou as súas consecuencias na saúde mental.

A actriz Melania Cruz conta cunha importante traxectoria en cinema, televisión e teatro. Comezou a súa carreira no teatro afeccionado, antes de obter o título en ensinanza superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galiza, e adícase profesionalmente á interpretación desde o ano 2009, formando parte de diversas compañías teatrais ata que se adentrou no cinema e na televisión. Conta con dous premios Mestre Mateo (3 nomeamentos), 1 premio María Casares (4 nomeamentos), o Premio Cinema Galego do Festival Internacional de Cine de Bueu no 2020 ou o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas do 2022. É unha das 10 lucenses do ano escollidas polo xornal El Progreso para o 2023.

Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de festas, que aprobou as propostas de Pregoeira e Oferente a Rosalía