O XURADO DESTACOU "POLA SOLIDEZ NARRATIVA, A ANÁLISE PSICOLÓXICA DAS PERSONAXES, O AMPLO LÉXICO E A DOCUMENTACIÓN QUE ALICERZAN A TRAMA"
Maite Ferreiro preside a xuntanza do xurado do XXVI Certame de Narración Curta Ánxel Fole
O escritor Agustín Ángel Agra Barreiro resultou gañadora do certame coa obra O livro das contrárias
O xurado destacou "pola solidez narrativa, a análise psicolóxica das personaxes, o amplo léxico e a documentación que alicerzan a trama"
Lugo, 20 de marzo de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado do XXVI Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. Maite Ferreiro destacou este certame como "unha cita consolidada xa no calendario cultual galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade". A obra O livro das contrárias, do noiés Agustín Ángel Agra Barreiro, foi a escollida polo xurado nesta edición, que recibirá un premio de 4.000€ e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza
O xurado desta edición estivo formado pola poeta e mestra de lingua e literatura galega Mariña Pérez Rei, o escritor e libreiro Fabio Rivas Pardo, e a escritora, tradutora e intérprete María Reimóndez Meilán.
Escolleron á obra "O livro das contrárias", que destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, pola solidez narrativa, a análise psicolóxica das personaxes, o amplo léxico e a documentación que alicerzan a trama. O resultado é unha obra de actualidade e ambiente cosmopolita que dialoga cunha ausencia, poñendo en dúbida os límites da memoria. A voz da narradora navega entre a linguaxe da fotografía, o xénero epistolar e a presenza icónica do mundo natural. Estes fíos tecidos constrúen unha obra de apariencia intimista, pero que revela puntos de conexión con temas tanto ambientais como de recuperación das voces e olladas das mulleres no ámbito ciantífico, sempre a través dunha sensitiva voz narradora.
No seu conxunto, "O livro das contrárias" amosa harmonía narrativa, riqueza de léxico e recursos literarios ben integrados que singularizan a súa lectura
Maite Ferreiro agradeceu ás integrantes do xurado, a Edicións Xerais de Galiza e a todas as participantes "a súa implicación cada ano, desde os distintos ámbitos, para facer deste concurso un verdadeiro éxito".