MAITE FERREIRO: "O NOSO OBXECTIVO É CONTINUAR A ENSINARLLE AO RESTO DO MUNDO QUE É O QUE FAI ESPECIAL O SITIO NO QUE VIVIMOS E CONVIDALOS A DESCUBRILO CON NÓS"
Maite Ferreiro promocionará Lugo como destino turístico sostible na edición 2024 de Fitur
Maite Ferreiro: "O noso obxectivo é continuar a ensinarlle ao resto do mundo que é o que fai especial o sitio no que vivimos e convidalos a descubrilo con nós"
A Feira Internacional de Turismo celebrarase entre o 24 e o 28 de xaneiro de 2024
Lugo, 02 de novembro de 2023. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou que asistirá á Feira Internacional de Turismo Fitur de 2024 para promocionar Lugo como destino turístico sostible. "O obxectivo deste ano é continuar a ensinarlle ao resto do mundo o que fai especial a Lugo e convidar a todo o mundo a descubrilo con nós", explicou Maite Ferreiro, que engadiu "nos últimos anos apostamos por un turismo de calidade e desestacionalizado, que permita a convivencia das e dos visitantes coas persoas que residen en Lugo". A concelleira de Turismo afirmou que "os datos están xa a demostrar que esta campaña está dando os seus froitos, e Lugo estase a posicionar como un punto importante no turismo tanto polo patrimonio co que contamos como pola proximidade co resto de Galiza".
Maite Ferreiro deu conta dos datos de turismo acumulados no ano 2023 ata a fin da campaña de verán, e anunciou que o Concello de Lugo continúa a crecer en número de visitantes rexistrados nas distintas instalacións dependentes da área de Turismo: A Oficina Municipal de Turismo da praza do Campo e o punto de información turística da praza Maior atenderon ata o mes de agosto a 58920 persoas, case 10.000 máis que no mesmo período de 2022 (49.750).
As salas museísticas municipais continúan a ser un gran atractivo turístico da cidade. Mentres que Porta Miñá, e o Centro de Interpretación de San Roque rexistraron, en total, 5.860 visitas, o MIHL acolleu, 12.665 visitantes, igualando a marca do ano pasado. A Casa dos Mosaicos rexistrou na primeira parte do ano un total de 21.819 visitantes, superando á marca do 2022 cando se rexistraron 15.182 persoas.
Entre os visitantes que se achegaron ás distintas instalacións turísticas, destacan os procedentes do resto de Galiza, ademais de Madrid, Andalucía e Cantabria. Suecia, Bélxica e Finlandia foron os países europeos con máis visitantes rexistrados durante esta semana santa