O ARTISTA DESENVOLVERÁ EN LUGO A SÚA INVESTIGACIÓN PERFORMATIVA 'HYDRA' NA PROCURA DUN ENCONTRO ÍNTIMO CON MATERIAS EN ESTADO DE TRANSFORMACIÓN
Maite Ferreiro recibe ao creador uruguaio Lucus Damiani no comezo da súa residencia artística no Vello Cárcere
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas de investigación e creación arredor da danza e as artes vivas contemporáneas
O artista desenvolverá en Lugo a súa investigación performativa 'Hydra' na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación
Lugo, 26 de agosto de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, achegouse ata o Vello Cárcere para recibir ao artista uruguaio afincando en Lisboa Lucas Damiani, que comeza hoxe a súa residencia artística en Lugo dentro do proxecto das Residencias Paraíso, un programa de residencias artísticas para a danza a as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Área de Cultura do Concello de Lugo.
Ferreiro indicou que o Goberno de Lugo apoia esta actividade co obxectivo de "fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística luguesa". Do mesmo xeito, preténdese normalizar o concepto de residencia artística, algo "fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galiza, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo adicado", explicou a edil de Cultura.
Maite Ferreiro destacou que "continuamos as residencias artísticas deste ano, poñendo un ano máis a Lugo no foco das artes do movemento e como un símbolo do apoio as mesmas e a creación cultural en xeral". O Vello Cárcere de Lugo acolleu xa a residencia e mostra final de traballo da creadora escénica galega Cris Balboa para o seu proxecto 'Sinte', no que autobiografía e a música electrónica se mesturaron nunha viaxe desde a fraxilidade á celebración.
Dende hoxe e até o 6 de setembro, día da mostra final aberta, o Vello Cárcere acollerá a investigación performativa 'Hydra' de Lucas Damiani, un proceso de investigación que vai na procura dun encontro íntimo con materias en estado de transformación; unha paisaxe líquida de corpos, sonidos e materias que revelan o desexo e as súas oscilacións co xeo como elemento de estudo.
A convocatoria das Residencias Paraíso diríxese a artistas de Galiza, do resto do territorio estatal e de Portugal, nunha chamada a artistas con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de creación durante dúas ou tres semanas nalgún dos espazos que forman parte da rede.
Para a selección dos proxectos, valorouse a integridade e innovación artística da proposta, o grao de madurez e solidez do proxecto, a relación entre o proxecto e o territorio, así como as prácticas de programación expandida que poidan arroupar a estancia durante a residencia.