Maite Ferreiro e Rubén Arroxo solicitan unha solución urxente para o viaducto do Castro á ministra de Transportes

Representantes do BNG desprazáronse ata a zona afectada para entregar unha carta á ministra coincidindo coa súa visita o derrubamento

O BNG reclama unha investigación que dirima responsabilidades e a comparecencia da ministra de Transportes no Congreso

Maite Ferreiro e Rubén Arroxo solicitan unha solución urxente para o viaducto do Castro á ministra de Transportes

Lugo, 17 de xuño 2022. Representantes institucionais do BNG dos distintos concellos afectados polo derrubamento do viaducto da A-6 desprazáronse ata a zona afectada para achegar á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, unha carta coas solicitudes do BNG de cara á mellora da situación actual. A portavoz do BNG, Maite Ferreiro, explicou que “a perda desta conexión fixo que as galegas e galegos nos vexamos na obriga de volver ao século pasado, forzando a centos de persoas a percorrer estradas antigas para realizar os seus traxectos habituais”.

Na carta, o BNG fai fincapé na importancia que ten a A-6 para as conexións por estrada de todo o territorio galego, e lembra á ministra que, ao Lugo non contar cunha rede ferroviaria actual, faise moi complicado que a veciñanza e o tecido empresarial poidan substituír os desprazamentos por estrada polo ferrocarril.

No texto achegado a Raquel Sánchez, o  BNG solicíta a maior implicación do seu ministerio para recuperar o trazado da A-6, cunha investigación que permita coñecer por que aconteceu isto e cunha auditoría que permita garantir que o bo estado da totalidade do percorrido da Autovía do Noroeste, ademais da modernización das conexións de Galiza e de Lugo co resto de Galiza e co resto do estado.

Texto da carta entregada polo BNG á ministra de Transportes

 

Á MINISTRA DE TRANSPORTES, MOBILIDADE E AXENDA URBANA, RAQUEL SÁNCHEZ JIMÉNEZ

Desde o Bloque Nacionalista Galego queremos trasladarlle as nosas inquedanzas pola situación da A-6 despois dos dous derrubamentos acontecidos no viaducto do Castro.

No ano 1993 comezou a construcción desta autovía, a A-6, unha das principais vías de conexión entre Galiza e o resto do estado. O viaducto do Castro, treito afectado polos derrubamentos das últimas semanas comezou  a construírse no 1997, e entrou en funcionamento a finais do 2002. 20 anos despois, vemos como as galegas e galegos nos vemos na obriga de volver ao século pasado, pois o colapso deste viaducto obriga a centos de persoas que cada día realizan este percorrido a volver utilizar a antiga estrada.

Este colapso nun viaducto de só 20 anos resulta inexplicábel nunha infraestrutura deseñada para durar décadas, e que supuxo naquel momento un investimento récord para o estado, cun custo de 91 millóns de euros para un treito de 7,8 quilómetros de lonxitude. É por isto polo que desde o BNG reclamamos do seu ministerio unha investigación transparente e independente que permita coñecer as causas do sinistro e dirimir responsabilidades, ademais dunha auditoría de toda a autovía, para garantir a seguridade en todos os treitos.

A perda desta conexión por estrada co resto do Estado non fai máis que agravar a desconexión que estamos a sufrir o conxunto de galegas e galegos, e especialmente as veciñas e veciños de Lugo. A día de hoxe contamos cunha infraestrutura ferroviaria propia do século XIX: maquinaria antiga, vía sen electrificar e con menos sistemas de seguridade que os marcados polos actuais estándares internacionais, e cuxo deseño non se corresponde coas necesidades da veciñanza. Todo isto fai moi complicado tratar de paliar os efectos do colapso da A-6 co ferrocarril, un medio de transporte que non fará máis que aumentar o seu peso no transporte de mercadorías e persoas nos vindeiros anos.

Por todo isto, desde o BNG solicitamos a maior implicación do seu ministerio para recuperar o trazado da A-6, cunha investigación que permita coñecer por que aconteceu isto e cunha auditoría que permita garantir que o bo estado da totalidade do percorrido da Autovía do Noroeste, ademais da modernización das conexións de Galiza e de Lugo co resto de Galiza e co resto do estado.

Maite Ferreiro e Rubén Arroxo solicitan unha solución urxente para o viaducto do Castro á ministra de Transportes