Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan o Muralleando 2022, que abrirá a praza da Mosqueira ás agrupacións musicais de Lugo
Maite Ferreiro: "o Muralleando naceu como unha maneira de apoiar ao tecido cultural local durante o confinamento, e xa é unha cita consolidada no calendario cultural do verán"
23 concertos terán lugar na praza da Mosqueira entre o 17 de xuño e o 27 de agosto
Lugo, 17de xuño de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, animou á veciñanza a acudir á terceira edición ciclo de concertos Muralleando, que comeza hoxe na Praza da Mosqueira. . En total, 23 agrupacións mostrarán a súa música con concertos gratuítos que terán lugar os venres e sábados, a partir das 20:30, entre o 17 de xuño e o 27 de agosto.
Maite Ferreiro lembrou que "os concertos do Muralleando apareceron xusto despois do confinamento, no ano 2020, co obxectivo de animar con música os distintos paseos das veciñas e veciños ao redor da Ronda da Muralla e ao mesmo tempo colaborando co tecido cultural local, que vira anulados moitos eventos", e afirmou que "dous anos despois xa está consolidado como unha das actividades culturais máis importantes para os meses de verán, continuando co espírito de ser o punto de encontro das agrupacións locais, e que este ano se ubicará na renovada Praza da Mosqueira, un espazo que está destinado a ser importante na programación cultural, e que despois do Muralleando acollerá un dos escenarios do San Froilán".
Ferreiro destacou que a nova praza da Mosqueira "permite organizar actividades culturais e de ocio respectando a visión da gran concentración de patrimonio que hai nesta zona", en referencia á propia Mosqueira e ao edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.
Concertos Murallando 2022 - Xuño
17 – Mixtape
18 – Suda K S
24 - Caivanca
25 – Galician Army
30 – Banda Filarmónica de Lugo