Maite Ferreiro: “o San Froilán 2022 conta cunha ampla programación de cultura tradicional galega”
O San Froilán 2022 contará novamente con actividades como o Festival de Música Tradicional, a Verbena Galega D’antes, a Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas ou o Cultura e Tradición no Camiño
Maite Ferreiro presentou as actividades xunto con integrantes das distintas asociacións culturais implicadas no San Froilán
Lugo, 29 de marzo de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades relacionadas coa cultura tradicional galega organizadas dentro do San Froilán 2022. Maite Ferreiro afirmou que “a cultura tradicional galega é protagonista un ano máis da gran festa do outono galego cunha gran selección de actividades de calidade para achegar a toda a veciñanza as distintas expresións culturais que se continúan a manter e recuperar nos nosos días”.
Maite Ferreiro presentou, xunto con integrantes das distintas asociacións culturais implicadas no programa do San Froilán, entre as que se atopaban Cántigas e Frores, responsábeis do XX Festival de Música Tradicional, que se celebrará o sábado 8 a partir das 17:00 na praza de Santa María; a asociación Oxeito, organizadores da Verbena Galega D’antes (mércores 5 ás 18:00 no templete da Praza Maior); a Asociación de Gaiteiros Galegos, que organiza a XXIV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais ou Traxandaina, responsábeis da mostra Cultura e Tradición no Camiño que se pode visitar no Vello Cárcere durante todos os días das festas.
A volta da gran festa do outono galego sen restriccións sanitarias supón a volta de actividades que nos anos da pandemia se aprazaron debido ás masificacións, como a celebración do desfile do traxe tradicional, que cumple este ano o seu 50 aniversario ou a volta do desfile do gando, que terá lugar o venres 7 ás 6 da tarde.