O BNG celebra o seu 40 aniversario en Lugo
O acto rendeu homenaxe á militancia histórica das terras e comarcas de Lugo
Presentouse o libro editado pola Fundación Galiza Sempre 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022 no que se recolle a traxectoria da fronte patriótica
Lugo, 29 de setembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego celebrou en Lugo o 40 aniversario da fronte patriótica nun acto reivindicativo e conmemorativo, no que tamén, se presentou o libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022.
Participou a vice-responsábel comarcal do BNG, Maite Ferreiro, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, o militante histórico Xesús Méndez e a membro da executiva nacional do BNG, Olalla Rodil.
O acto desenvolveuse nun lugar histórico para o nacionalismo galego, o Hotel Méndez Núñez. Alí en 1918, celebrouse a I Asemblea Nacionalista e a publicación do Manifesto de Lugo, onde o galeguismo deixaría atrás o rexionalismo e avanzaría cara o nacionalismo.
O acto destacou polo recoñecemento á militancia histórica do BNG nas terras e comarcas de Lugo, un nutrido grupo de militantes a quen se lles rendeu homenaxe por todos estes anos de loita, coherencia e defensa dos intereses e dereitos do pobo galego.
Entre eles, destaca a intervención de Xesús Méndez, máis coñecido como Suso de Muñís, o que destacou “celebramos estes 40 anos grazas ao traballo incansábel e a inmesa xenerosidade da súa militancia e base social, que sempre estivo do lado de Galiza contra as agresións e soubo pular polo proxecto de País que merecemos” e incidiu “o BNG é unha organización que é necesaria para Galiza e continuará séndoo para construír en positivo o futuro de Galiza”
Nesa traxectoria de compromiso con Galiza é precisamente a que recolle a edición da libro 40 anos ao servizo da Galiza. BNG, 1982-2022, elaborada polo politólogo Manuel Anxo Fernández Baz e editado pola Fundación Galiza Sempre.
Esta publicación sintetiza, ano a ano, a historia do Bloque Nacionalista Galego, os principais feitos políticos acontecidos no País e as actuacións chave desenvolvidas polo nacionalismo galego ao longo destas catro últimas décadas, e ademais, incorpora unhas 400 fotografías, moitas delas inéditas.