Rubén Arroxo: “estamos a converter Lugo nunha cidade amable coas persoas, mellorando a calidade de vida da veciñanza”

O Tenente Alcalde participou na Placemaking Week Europe 2022 en Pontevedra, a maior xuntanza a nivel europeo sobre urbanismo e planificación da mobilidade

Os cambios executados pola área de Mobilidade foron protagonistas na mostra, que conta cunha exposición sobre o traballo feito polo goberno de Lugo

Rubén Arroxo: “estamos a converter Lugo nunha cidade amable coas persoas, mellorando a calidade de vida da veciñanza”

 

Lugo, 28 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, participou na Placemaking Week Europe 2022, que se está a celebrar estes días en Pontevedra. A palestra A recuperación do espazo urbano en Lugo. Novas formas de recuperar a cidade foi o espazo outorgado pola organización para “explicar como facemos fronte desde Lugo aos retos que implica a mobilidade no presente e no futuro”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “dar importancia ás persoas ao deseñar os espazos públicos, ou apostar polos medios de transporte alternativos e polo transporte público son algúns dos retos cos que se están a atopar moitas cidades, traballo que en Lugo executamos desde a nosa chegada ao goberno”.

Xunto con Rubén Arroxo participou na palestra Pablo Fuentes, xefe de servizo de Enxeñaría do Concello de Lugo, que se encargou de comentar as cuestións técnicas que implican cambios de profundidade nos espazos públicos, como os executados nos últimos tres anos pola área de Mobilidade. O concelleiro de Mobilidade de Pontevedra, Demetrio Gómez, exerceu como moderador da palestra.

Lugo achegou á Placemaking Week Europe 2022 unha presentación do proxecto de cidade posto en marcha pola área de Mobilidade nos últimos anos. Unha exposición ao aire libre ubicada na avenida de Santa María de Pontevedra mostra aos centos de asistentes ao congreso os principais cambios realizados no presente mandato pola área de Mobilidade, con actuacións como a peonalización da Mosqueira ou de Recatelo, ou o plan de calmado de tráfico e os vieiros escolares seguros.

A primeira edición da Placemaking Week Europe foi en 2017, en Amsterdam, e realizouse tamén en Estocolmo e Valencia. Este ano chega por primeira vez a Galiza, organizada polo Concello de Pontevedra, e reunirá a máis de 400 expertos e expertas en mobilidade para compartir experiencias e maneiras de traballar entre as distintas cidades participantes.

Rubén Arroxo: “estamos a converter Lugo nunha cidade amable coas persoas, mellorando a calidade de vida da veciñanza”