"DAMOS POR CUMPRIDO O OBXECTIVO DE QUE O SAN FROILÁN FIXESE QUE A VECIÑANZA SENTISE ORGULLO DE SER DE LUGO", AFIRMOU MAITE FERREIRO

Maite Ferreiro valorou o San Froilán 2023 como "un gran éxito de participación"

IMG_0638

"Damos por cumprido o obxectivo de que o San Froilán fixese que a veciñanza sentise orgullo de ser de Lugo", afirmou Maite Ferreiro 

"As prazas e rúas ateigadas evidencian do éxito das festas, o resultado foi moi positivo" segundo a responsable da Área de Cultura

 

 

 

Maite Ferreiro valorou o San Froilán 2023 como "un gran éxito de participación"

Lugo, 13 de outubro de 2023. A edil de Cultura, Maite Ferreiro, fixo balance das festas do San Froilán unha vez rematadas as 200 actividades que deron forma ao programa. Ferreiro indicou que "aínda quedan dous días nos que o recinto feiral pode seguir aberto, mais xa podemos dicir que todas as persoas que participaron destas festas puideron sentiron seu o San Froilán".

A concelleira de Cultura valorou como "máis que satisfactoria" a asistencia de público aos concetos e ás actividades programadas, "ateigando as rúas e desfrutando de todas as actividades, tanto musicais como de animación, que programamos entre o 4 e o 12 de outubro". Dende a Área de Cultura do Concello deseñouse un programa de festas para chegar a todo tipo de público "queriamos que todas as persoas que viven en Lugo ou nos visitan sentisen que as festas eran súas, e que a nosa veciñanza se sentise orgullosa de ser de Lugo" afirmou Maite Ferreiro.

A concelleira aproveitou para facer un especial agradecemento a todas as persoas, empresas e colectivos que dun xeito ou outro participaron na organización das festas, facendo especial mención aos diferentes departamentos e persoal do concello que "nestes días traballaron de xeito continuado para que as festas fosen un éxito como foi o caso do persoal de cultura, policía local, bombeiros ou o servizo de limpeza".

Maite Ferreiro salientou "logrouse que Lugo siga tendo orgullo das súas festas e o San Froilán demostrou ser, de novo, a gran festa do outono galego". Con 200 actividades programadas e a participación duns 50 grupos locais a animación de rúa foi protagonista deste San Froilán.

Ferreiro destacou a participación de colectivos e asociacións que programaron eventos encadrados no programa de festas e a grande participación dos máis pequenos nas 20 actuacións que completaban o programa do San Froilán Miudo ou as 14 actividades deportivas vencelladas ás datas das festas. O desfile de gando e a celebración de ExpoLugo ou a presenza do Mago Antón e os espectáculos de rúa xunto coa volta do desfile do traxe tradicional que celebrou o seu 51 aniversario, e a exhibición de atletismo Saltar na rúa  foron parte dos atractivos da festa.

Maite Ferreiro valorou o San Froilán 2023 como "un gran éxito de participación"