O VELLO CÁRCERE ORGANIZA ANUALMENTE UNHA PROGRAMACIÓN BASEADA NA MEMORIA HISTÓRICA E NA IMPORTANCIA DESTE EDIFICIO, CUNHA PROGRAMACIÓN ESPECÍFICA PARA ESTUDANTES DE SECUNDARIA ARREDOR DA FIGURA DE RAFAEL DE VEGA
Maite Ferreiro: "As visitas escolares ao Vello Cárcere son cada curso escolar un gran éxito"
O ciclo acolle ano a ano múltiples visitas de centros de ensino de Lugo e do resto de Galiza
O Vello Cárcere organiza anualmente unha programación baseada na memoria histórica e na importancia deste edificio, cunha programación específica para estudantes de Secundaria arredor da figura de Rafael de Vega
Lugo, 12 de novembro de 2024. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, acompañada polo edil Alexandre Penas, visitou o Vello Cárcere onde veñen de comezar as visitas escolares do curso 2024-25. Ferreiro destacou a importancia desta programación posta en marcha pola área de Cultura, achegando o Vello Cárcere a todos os centros de ensino de Galiza "cunha visita guiada ao centro que contará con diversas actividades para facilitar a actividade formativa", explicou a concelleira, que engadiu "cada ano, centos de estudantes visitan o edificio, e é habitual que a instalación cubra a totalidade das datas ofertadas aos centros de ensino".
O Programa de Visitas escolares pretende achegar, de xeito dinámico e divertido, a Historia e o Patrimonio Cultural de O Vello Cárcere aos centros de ensino de toda Galiza. "Trátase dunha proposta proxectada polo Espazo Didáctico do Centro, que abrangue as orixes do cárcere no século XIX a través dunha visita guiada acompañada de diferentes actividades adaptadas aos distintos ciclos educativos", afirmou a Concelleira de Cultura.
Os centros educativos interesados poderán reservar a súa visita contactando co Centro por teléfono ou por correo electrónico. As visitas ofertaranse ata o mes de xuño, coincidindo co remate do período lectivo. Na nova programación para o curso 2024-25, a visita versa arredor da figura do doutor Rafael de Vega, que servirá como fío conductor para coñecer o edificio e realizar a visita.