Maximus acende o alumeado de Nadal
O alumeado de Nadal conta con 778 elementos e preto de 1 millón de microleds
Maite Ferreiro animou á veciñanza a desfrutar das distintas actividades programadas polo Goberno de Lugo “no primeiro nadal sen restriccións despois da pandemia”
Maximus, a mascota do Breogán, entregou unha carta á edil de Cultura na que afirma que “Lugo está cheo de persoas que miran con luz propia, xente amable, disposta a pasalo ben cunha palabra amable e un sorriso”
Lugo, 26 de novembro de 2022. Maximus, a mascota do Breogán, acendeu o alumeado ornamental de Nadal, dando comezo á tempada festiva no Concello de Lugo. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, dirixiuse a todas e todos os lucenses e animounos a desfrutar das festas e das distintas actividades programadas polo Goberno de Lugo “no primeiro nadal que celebramos sen restriccións pola pandemia”.
Maximus entregou unha carta á concelleira de Cultura, na que se dirixiu á veciñanza, e na que destacou que as persoas de Lugo “miran con luz propia”. A mascota do Breogán afirmou que a veciñanza de Lugo é “xente amable, disposta a pasalo ben cunha palabra amable e un sorriso”.
O Alumeado de Nadal permanecerá en funcionamento ata o 8 de xaneiro de 2022, en horario de 18:00 a 00:30 horas durante a semana, e de 18:00 a 03:00 as fins de semana e vésperas de festivos.
En total, o alumeado de Nadal conta con 778 elementos decorativos e preto dun millón de microleds. Este ano colocaranse nas distintas rúas e prazas un total de 189 arcos luminosos e distintos elementos ornamentais, entre os que destaca a decoración de 100 farolas ou a colocación de figuras en 3D na praza de Santo Domingo, preto da Praza de Abastos, que contará como mínimo con 2.600 puntos de luz e a decoración de varias rotondas da cidade con árbores de 8 metros de altura e 1.900 puntos de luz. Noutras prazas, instalaranse outros motivos en 3D cun mínimo de 2.000 puntos de luz ou árbores de 3 metros de altura e 12.000 puntos de luz.
O percorrido do Camiño Primitivo recibirá unha decoración especial e as letras Lugo Km 100 colocadas na praza do Camiño Primitivo serán decoradas con luces. A árbore da praza Maior, fronte ao Concello, ten de 20 metros de altura e a praza Maior conta con figuras que poderán ser utilizadas como photocall. A nova praza da Mosqueira conta tamén con elementos decorativos de máis de 1.500 puntos de luz.