Melchor e Maite Ferreiro conectaron por videochamada para preparar a Cabalgata de Lugo
A Concelleira de Cultura asegurou que “agardamos a máxima participación nunha cabalgata espectacular que preparamos, conxuntamente o Concello e tamén os Reis Magos, para que sexa recordada, durante moito tempo, como algo especial polos nenos e nenas desta cidade”
Melchor asegurou que "chegarán a Lugo cargados de agasallos e que recibirán a todas as crianzas que desexen achegarse a eles"
Lugo, 4 de xaneiro de 2023. A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo unha videoconferencia co rei Melchor para organizar todos os pormenores relativos a gran cabalgata de reises que visitará a cidade de Lugo. Melchor, Gaspar e Baltasar xa se atopan de viaxe a Lugo e, segundo asegurou a Concelleira reponsabel, “agardamos a máxima participación nunha cabalgata espectacular que preparamos, conxuntamente o Concello e tamén os Reis Magos, para que sexa recordada, durante moito tempo, como algo especial polos nenos e nenas desta cidade”. Tanto Melchor como Maite Ferreio animaron a todas as persoas a sair as rúas a recibir as súas maxestades de Oriente e a achegarse ao edificio do concello onde os Reis Magos recibirán a todas as crianzas que desexen achegarse a eles para coñecelos e facerlles as debidas peticións.
A Cabalgata, titulada A Gran Viaxe, realizará o seu percorrido habitual o vindeiro 5 de decembro a partir das 18:00, saíndo desde o Parque da Milagrosa e coa previsión de chegar ao Concello ás 19:30. O percorrido contará con 4 carrozas e 11 espectáculos chegados a Lugo desde distintas partes do mundo. “As carrozas están baseadas na viaxe dos reis, representando aos animais e aos elementos patrimoniais máis recoñecibles de Oriente”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “a carroza dos agasallos xogará coa idea dos xoguetes, a ilusión e o crebanoces, un clásico do Nadal que tamén ten a súa orixe no lonxano Oriente”. Os Magos de Oriente estarán acompañados na Cabalgata por Máximus, a mascota do Breogán. Acompañando aos Magos, contarase con espectáculos que reflexarán a viaxe que fan desde Oriente, representando ás cousas, animais e persoas que atopan polo longo camiño, acompañados de música, danza e teatro.