O BNG-AA RECIBIU ESTA INFORMACIÓN TRAS PRESENTAR UNHA SERIE DE PREGUNTAS PARA A COMISIÓN DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE E PERSOAL

“A Milagrosa perdeu o ARRU pola incompetencia do Goberno Municipal” afirmou Rubén Arroxo

IMG_5467

“O Ministerio de Fomento informou por escrito que a memoria fora presentada por unha entidade asociativa e isto supuxo a denegación” dixo Rubén Arroxo

“A Milagrosa perdeu o ARRU pola incompetencia do Goberno Municipal” afirmou Rubén Arroxo

Lugo, 23 de xuño 2017. O voceiro do BNG-AA, no concello de Lugo, deu hoxe conta da perda de fondos do Ministerio de Fomento para desenvolver un proxecto dunha Area de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) no barrio da Milagrosa. Segundo informou Rubén Arroxo “a Milagrosa perdeu o ARRU pola incompetencia do Goberno Municipal” e explicou que o Concello de Lugo recibiu un escrito do Ministerio no que se comunicaba a denegación por ter presentado a memoria a través dunha entidade asociativa.

No ano 2015, anunciábanse os primeiros pasos para o proxecto dunha Area de Renovación e Rexeneración Urbana (ARRU) no barrio da Milagrosa. Un proxecto feito co fin de recuperar e dinamizar a vida do barrio máis poboado de Lugo, no cal se incluían 429 edificios e 1314 vivendas que se atopaban nun importante estado de deterioro. Na comisión de desenvolvemento sostible e persoal do pasado 22 de abril de 2016, dende o BNG preguntouse en que estado estaba dito proxecto, naquel momento explicouse, dende o goberno municipal, que había idea de comezar no propio ano 2016 e que se valoraba incluso buscar levalo a cabo nos barrios de Montirón e da Ponte.

No ano 2016, segundo explicou o edil de Desenvolvemento Sostible e Persoal foi unha entidade asociativa quen fixo a solicitude ante o Ministerio de Fomento que denegou a posibilidade de que Lugo, e o barrio da Milagrosa, conten con estes fondos dado que a solicitude tiña que cursarse dende unha administración e non dende unha asociación. Foi durante o ano 2016 cando estivo aberto o prazo de solicitude para estes programas de rexeneración urbana. Neste momento xa non hai capacidade para o goberno municipal poida solicitar de novo estes fondos ata que se abra de novo o prazo. “O prazo para a solicitude destes fondos é incerto e non ten data” dixo Arroxo.

O BNG leva anos reclamando a necesidade de que, dende o concello, se dean pasos para iniciar un ARRU no barrio da Milagrosa. En abril de 2016 o BNG-AA levou esta cuestión á comisión de Desenvolvemento Sostible e o responsable da comisión anunciou tres posibles ARRUs en A Milagrosa, San Fiz (illas) e A Ponte. “a día de hoxe non se avanzou en ningún dos tres e vemos unha total parálise do goberno neste sentido” dixo Rubén Arroxo que anunciou que seguirá traballando para recuperar os barrios da cidade.

Solución para recuperar o barrio e habitar casas tapiadas

“A rehabilitación de certos barrios e unha nova política de alugueiro social será fundamental para atallar o problema dos tapiados anti-ocupas que van camiño de converter algunhas zonas de Lugo en paisaxes propias dunha película” afirmou Arroxo. No caso da Milagrosa trataríase de facer un proxecto co fin de recuperar e dinamizar a vida do barrio máis poboado de Lugo, no cal se incluían 429 edificios e 1314 vivendas que se atopaban nun importante estado de deterioro, segundo os informes do ano 2015 que evidentemente xa quedaron desfasados.

“A Milagrosa perdeu o ARRU pola incompetencia do Goberno Municipal” afirmou Rubén Arroxo