RUBÉN ARROXO: “COMA NOS ÚLTIMOS ANOS, O BUS URBANO SERÁ GRATUÍTO”
A Mosqueira será peonil durante a mañá do Día Europeo sen Coches
Durante a mañá realizaranse actividades para nenos e nenas co Club Ciclista Cidade de Lugo e unha sesión vermú co grupo lucense Wicked World
Lugo, 17 de setembro de 2019. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o vindeiro domingo 22, Día Europeo sen Coches, dende a área de Mobilidade se fará unha “demostración da futura peonalización da Mosqueira”. Arroxo indicou que “durante a mañá do domingo, a Mosqueira estará cortada ao tráfico usándose a praza para realizar actividades para as nenas e nenos da cidade”. Ademais, anunciou que “coma nos últimos anos, o bus urbano será gratuíto”.
O Tenente de Alcalde indicou que a partir das 11:30 se realizarán actividades para nenos e nenas a cargo do Club Ciclista Cidade de Lugo, para as que será necesario traer bicicleta e casco. A partir das 13h, o grupo lucense Wicked World renderá tributo aos grupos de rock da década dos 70, 80 e 90 nunha sesión vermú.
Arroxo sinalou que “é unha oportunidade para desfrutar dun Lugo onde non se precise ter a muralla rodeada por vehículos”, e engadiu que “o recinto interior da Muralla é a zona monumental máis importante da cidade de Lugo e a día de hoxe conta con un valiosos elementos distinguidos como Patrimonio da Humanidade” e por iso “temos a responsabilidade de traballar para que a cidade e o seu casco histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan”.