AS OBRAS TEÑEN UN TEMPO DE REALIZACIÓN PREVISTO DE 3 SEMANAS NAS QUE SE INTENTARÁ EVITAR PROVOCAR MOLESTIAS ÁS PERSOAS USUARIAS
Nas vindeiras semanas realizaranse arranxos no “leiraparking” do HULA
Delimitarase a zona de paso da de estacionamento para evitar atascos
Lugo, 23 de xullo de 2019. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as reformas “para evitar os problemas que da o leiraparking do HULA nas épocas de choiva”. “O ideal sería que se puidese asfaltar, pero a día de hoxe, debido a que este terreo está afectado polo 5% do plan xeral sen aprobar, iso non é posíbel”, afirmou Arroxo.
Na obra anterior utilizouse un material cunha granulometría demasiado fina. Iso, xunto a que o final das obras coincidiu co comezo da época de choiva, fixo que se formaran as fochancas e lameiras. “Agora colocarase unha capa de zahorra sen finos de 10cm, que permitirá a drenaxe de auga evitando que se formen as fochancas e lameiras”, indicou Arroxo. Ademáis, delimitarase a zona de paso da de estacionamento con zahorras de cores diferentes, para evitar que haxa atascos provocados por vehículos mal estacionados.
Esta reforma vén sendo unha reclamación das persoas usuarias do leiraparking, comezará antes da temporada de choiva e ten un tempo de realización previsto de 3 semanas, durante as cales se intentará evitar provocar molestias ás usuarias desta instalación.