REALIZARASE UNHA ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA NO NOVO EMPRAZAMENTO, E A ESCULTURA PASARÁ POR UN PROCESO DE RESTAURACIÓN
Nos vindeiros días comezarán os traballos para o traslado do busto de Xoán Montes
Dende a concellería estímase ter colocado o busto no seu novo emprazamento a finais de xaneiro
Lugo, 19 de novembro de 2019. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que nos vindeiros días comezarán os traballos para a desmontaxe do busto de Xoán Montes e o seu posterior traslado á praza Maior. Esta actuación faise por iniciativa de varios colectivos vencellados á cultura na cidade de Lugo e para resituar a figura de Xoán Montes no centro da cidade. Esta ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza maior, o Círculo das Artes e a Catedral.
Penas indicou que, unha vez desmontado, o busto pasará por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que ten unha duración estimada de sete semanas. Durante o mes de xaneiro, realizaranse as escavacións arqueolóxicas precisas para a colocación da estrutura e posteriormente do busto. Segundo as previsións da concellería de Infraestruturas Urbanas, a montaxe do busto realizarase, previsiblemente, na última semana de xaneiro de 2020, unha vez rematen as escavacións.
O expediente para esta actuación iniciouse no pasado mandato, e foi impulsado no suplemento de crédito aprobado polo actual goberno no mes de setembro, cunha inversión de 18.000 euros.