“O novo auditorio pasou de ser a grande promesa cultural a converterse nunha selva urbana” dixo Rubén Arroxo
“Se a Xunta non é capaz nin de manter as zonas verdes do novo auditorio, que cando menos nos permita acceder a nós” Afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 20 de agosto 2018. O BNG lamenta que 2 anos e medio despois de que se inaugurase o novo auditorio de Lugo por parte do propio Feijóo, a Xunta siga sendo incapaz tanto de abrilo como de manter nunhas condicións minimamente dignas as zonas verdes do seu entorno “no seu día Feijóo tiña presa por sacar a foto da inauguración pola proximidade das eleccións galegas, unha vez pasada a cita electoral o novo auditorio pasou de ser a grande promesa cultural para Lugo a converterse nunha selva urbana” dixo Rubén Arroxo. Dende o grupo nacionalista din que a imaxe do auditorio nese estado é un claro exemplo da política do PP en contra de Lugo, ao igual que veñen facendo cos servizos do HULA, a rehabilitación da Tinería, ou o Cuartel de San Fernando por citar algúns.
O BNG que xa anunciou a semana pasada que lle daba 10 días ao goberno municipal para iniciar a roza da maleza, ou que do contrario organizarían pola súa conta “brigadas veciñais”, avisa agora de que se a Xunta non é quen de manter nunhas condicións mínimas o entorno do novo auditorio, solicitaranlle ao propio delegado en Lugo autorización para poder entrar a rozar “se a Xunta non é capaz nin de manter as zonas verdes do novo auditorio, que cando menos nos permita acceder a nós” Afirmou Rubén Arroxo, advertindo ademais de que na última semana recibiron varias queixas veciñais tanto de persoas que residen en Magoi, como de veciñanza de Lugo en xeral, que ven como un menosprezo a Lugo que camiño de 3 anos da súa inauguración os máis de 20 millóns de € estean agochados polas silvas.
Nesta liña o propio portavoz nacionalista explicaba que semella irónico que a Xunta saque unha normativa que obriga aos propietarios á limpeza dos seus terreos como medida de protección contra o lume, e despois teñan este espazo feito un “polvorín” dentro dunha zona urbana.