O BNG preguntará pola inclusión de Lugo na Rede de Cidades que Camiñan
Rubén Arroxo sinalou “Lugo segue a ser unha cidade cun alto número de atropelos, no ano 2017 houbo 49 e nos anos anteriores superáronse os 50, polo que segue ficando claro que cómpre tomar medidas”
Lugo, 21 de agosto 2018. O BNG preguntará na vindeira comisión municipal se o goberno municipal fixo algún trámite para incluír ao Concello de Lugo dentro da Rede de Cidades que Camiñan, tal e como fora aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro do 2017. Rubén Arroxo sinalou “Lugo segue a ser unha cidade cun alto número de atropelos, no ano 2017 houbo 49 e nos anos anteriores superáronse os 50, polo que segue ficando claro que cómpre tomar medidas”. Esta rede permite aos concellos que forman parte dela, compartir experiencias e solucións para construír cidades máis sostibles e mellorar a seguridade e a vida das persoas. Entre outros municipios atópanse algúns que son símbolos a nivel internacional do seu modelo urbano e da súa mobilidade, como poida ser Pontevedra ou Vitoria cos cales, en palabras do portavoz nacionalista “Lugo podería aprender moito”.
As cidades que fan parte desta rede apostan por unha accesibilidade universal, unha maior seguridade viaria e un compromiso co medio ambiente, baseándose na Carta Europea dos Dereitos do Peón e na Carta Internacional do Camiñar, levando adiante accións coma limitar as zonas urbanas a 30km/h e deseñando planos “Metrominuto” para fomentar os desprazamentos a pé. Rubén Arroxo afirmou que “son moitas as cuestións que, con pouco custe, se poden levar a Lugo, moitas delas xa con acordos plenarios feitos, como poida ser a de limitar as rúas da cidade a 30km/h, crear condicións para normalizar o uso da bicicleta, ou desenvolver aparcadoiros disuasorios para facer que os vehículos se acheguen o mínimo posible ao centro da cidade”.
Dende o BNG – AA tamén se aposta pola implantación de medidas de concienciación para incrementar os desprazamentos a pé. O edil do BNG matizou “chegamos a unha sociedade sedentaria, que intenta levar o vehículo ata as portas do lugar ao que se achega, facendo que por unha banda se dispare a nivel mundial a produción de CO2 por desprazamentos, xa que o transporte é a maior causa de produción de dióxido de carbono do planeta, e por outra levando á veciñanza a camiñar moito menos dos 10km ao día que recomenda a OMS”.
http://www.ciudadesquecaminan.org/