“A ESCASEZA DE MAN DE OBRA LOCAL, E AS DIFICULTADES PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAS EXTRANXEIRAS SON UN DOS MAIORES PROBLEMAS DO SECTOR” DIXO ELVA CARRERA
O BNG destapa o problema da falta de man de obra no sector agrogandeiro na Terra Chá e a falta de base territorial
O parlamentario Xosé Luis Rivas “Mini” visitou A Pastoriza e anunciou iniciativas no Parlamento Galego para o fomento da formación no sector
A Pastoriza, 20 de agosto de 2018. A tenente-alcade da Pastoriza, Elva Carrera, acompañou nunha visita ao Parlamentario do BNG Xosé Luis Rivas “Mini” para coñecer a problemáticas das explotacións agro-gandeiras na comarca da Terra Chá. Rivas xa anunciou que o BNG levará ao Parlamento Galego diversas iniciativas para que a Xunta interveña “con accións tanxibles” para dar solución a unha das maiores dificultades polas que atravesa o sector neste momento como é a falta de man de obra para as explotacións. “Dende a Xunta poderíanse promover accións formativas encamiñadas a que as persoas en situación de desemprego poidan acceder ao mundo laboral no sector agro-gandeiro” dixo o Parlamentario do BNG e engadiu “o BNG ten propostas e existen solucións, non é normal que nun momento no que moita xente non ten onde traballar, existan explotacións que non atopan traballadores”.
“A escaseza de man de obra local, e as dificultades para a contración de persoas extranxeiras son un dos maiores problemas do sector” dixo Elva Carrera. A tentente-alcalde no concello da Pastoriza sinalou, tamén, as dificultades burocráticas coas que se atopan as explotacións que optan pola contración de man de obra extranxeira dadas as trabas administrativas para a regularización dos inmigrantes ademais referiuse á necesidade de dar formación específica para extranxeiros no relativo ás tarefas propias das explotacións e tamén no referido ao coñecemento do idioma.
Dende o BNG apóstase pola creación de cursos nos que se poida formar a persoas en situación de desemprego e polas prácticas nas propias explotacións para estudantes de ciclos formativos relacionados co sector. “Un dos problemas é que non hai conexión entre a formación regulada existente e a demanda de man de obra das explotacións” afirmou Elva Carrera. Outra das propostas do BNG sería a creación de bolsas de emprego para explotacións que permitise cubrir a demanda existente e dar solución a problemas como a cobertura dos tempos de vacacións.
Base territorial
Outro dos problemas cos que se atopa o sector agro-gandeiro é a imposibilidade de ampliar a base territorial das explotacións. O Parlamentario do BNG, Xosé Luis Rivas, lembrou a necesidade de recuperar e potenciar iniciativas como o Banco de Terras que fora posto en marcha polo BNG pero coa chegada de Feijoo á Xunta quedou totalmente paralizado.