A PARLAMENTARIA POR LUGO APOIARÁ A MOBILIZACIÓN QUE SE CELEBRARÁ EN LUGO MAÑÁ XOVES, CONVOCADA POLO COLECTIVO ESTUDANTIL ERGER

Olalla Rodil presentou unha interpelación na cámara galega sobre a derrogación da LOMCE

Olalla Rodil Hemiciclo1
Olalla Rodil intervindo no Parlamento Galego

Rodil dixo que “en Galiza as competencias en educación son da Xunta, pero Feijoo mira para outro lado e deixa que Madrid defina o futuro da nosa mocidade”

 

Olalla Rodil presentou unha interpelación na cámara galega sobre a derrogación da LOMCE

Lugo, 18 de novembro de 2016. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentou unha interpelación na cámara galega para coñecer “o que pensan os responsables do goberno da Xunta sobre a decisión do Congreso español de iniciar os trámites para a derrogación da LOMCE”. Rodil sinalou que “esta semana volveremos a vivir mobilizacións promovidas por organizacións sindicais, estudantís e representantes das Anpas que veñen denunciando, de maneira reiterada, os prexuízos que carrexa aplicación e a implantación desta Lei imposta polo PP dende Madrid”.

Olalla Rodil participará na mobilización estudiantil que terá lugar mañá xoves na cidade de Lugo e que foi convocada polo colectivo estudantil ERGER e pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Rodil sinalou que “a comunidade educativa galega vén amosando o seu rexeitamento á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) desde que foi presentada como borrador. De facto, foi o noso país un dos territorios nos que maior oposición se fixo nas aulas e nas rúas á nova lei”.

Na interpelación parlamentaria, Rodil tamén transladou ao goberno do PP unha pregunta para saber se pensan denfender as competencias da Xunta en materia de ensino dado que “vemos continuamente como Feijoo e os seus conselleiros plegan as súas políticas ás decisións que se toman dende o goberno do estado obviando a defensa dos dereitos das galegas e dos galegos”.

Rodil denunciou “o engano” do Goberno español que decidiu deixar as reválidas sen validez académica –só diagnóstica- facendo tamén caer a obriga de as aprobar para que o alumnado de 2º de Bacharelato titule, mais si para acceder á Universidade. De acordo co disposto na LOMCE e, ao contrario do que acontecía coa antiga PAU, a elaboración destas probas vén determinada polo Ministerio de Educación e non pola Consellaría, aínda tendo a Xunta de Galiza amplamente transferidas as competencias de ensino.

Especial atención á montaña de Lugo

A Parlamentaria do BNG anunciou que a formación que representa levará unha iniciativa á Cámara Galega para propoñer unha Lei educativa galega que teña en conta a realidade pola que pasa o rural galego. “Galiza ten unha realidade demográfica, lingüística e social diferente ao resto do estado e a Xunta debe utilizar as competencias que ten nesta materia para adaptar á realidade os servizos educativos” dixo Olalla Rodil.

Olalla Rodil presentou unha interpelación na cámara galega sobre a derrogación da LOMCE