Olalla Rodil “na provincia de Lugo pecháronse máis de 100 oficinas bancarias”
O Bloque celebrou unha concentración simbólica diante da oficina do BBVA da rúa da Raíña contra os abusos bancarios
A deputada do BNG sinalou que “desde o BNG impulsamos iniciativas para frear os abusos da banca, temos dereito a ser atendidos por persoas”
Lugo, 16 de xuño de 2021- O Bloque Nacionalista Galego organizou unha concentración simbólica diante da oficina do BBVA da rúa da Raíña de Lugo denunciando os abusos bancarios, na que se esixiu ao Goberno de Estado como á Xunta de Galiza que apliquen medidas para frear esta dinámica empresarial.
A deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, destacou que o sector financeiro “está a deixar sen acceso á sociedade a un servizo fundamental, no que a través das reducións de horarios para tramitar de forma presencial e a priorización da atención telemática están expulsando a milleiros de persoas” sinalou Rodil.
No caso da provincia de Lugo, esta reestruturación do sector bancario vense levado con peches de oficinas , o que “pecharon máis de 100 oficinas xa, como por exemplo Samos, Begonte, ou o caso do Deutsche Bank da cidade de Lugo, a única oficina de toda a provincia” sinalou Olalla Rodil
Ante estas novas fórmulas de traballo da banca, a deputada destacou que “na anterior crise a banca foi rescatada con diñeiro público, o cal non devolveu nin un só euro, e para máis, agora exclúe a milleiros de persoas e concéntranse para asegurar un maior beneficio” dixo Rodil.
Desde o BNG impulsáronse iniciativas para garantir o dereito a seren atendidos a través das oficinas de xeito presencial e non limitar os dereitos como consumidores e usuarios, ao que Olalla Rodil fixo fincapé en que “temos dereito a ser atendidos por persoas e contar con servizos nas oficinas”