O BNG RECLAMA A DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA E QUE SE ARTELLEN AXUDAS DIRECTAS AO SECTOR PARA PALIAR AS PERDAS DESTA TEMPADA
Olalla Rodil visitou viñedos afectados polas xeadas e reuniuse con viticultores na Ribeira Sacra
“As axudas teñen que ser para o sector, non entendemos que o PP incremente o negocio de banqueiros e aseguradoras coa desgraza de viticultores e adegueiros” dixo Rodil
Pantón, 4 de maio de 2017. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, visitou un dos viñedos afectados polas xeadas na ribeira do Cabe e mantivo unha xuntanza con persoas afectadas no local social de Espasantes. Rodil estivo acomapañada na visita por ediles do BNG nos concellos da Ribeira Sacra e por cargos orgánicos e institucionais do BNG. Rodil foi crítica coas declaracións da conselleira de medio rural “pretenden derivar todas as posibles axudas cara préstamos bancarios e seguros e iso non é o que precisa o sector viti-vínicola nun caso coma este, dende o BNG-AA temos claro que son necesarias axudas directas para paliar os efectos económicos provocados polos danos da xeadas”.
“O goberno galego ten que asumir que o do viño é un sector fundamental e necesario para esta zona do país e ten que asumir as súas responsabilidades para protexer ás persoas que apostaron por vivir do viño” dixo a parlamentaria do BNG Olalla Rodil. Rodil anunciou a súa visita á zona da Ribeira da Sacra para coñecer en primeira persoa os danos sufridos nos viñedos e a problemática á que se enfrontan os produtores a partir de agora. O BNG secundará no parlamento galego a petición que xa foi trasladada, polo BNG, á corporación de concellos como o de Pantón. “O BNG vai estar a carón de produtores, adegueiros e comercializadores denfendendo o sector” afirmou Olalla Rodil.
Rodil explicou que “a afectación das xeadas tivo diferente incidencia dependendo das zonas, agora hai que traballar con celeridade para avaliar os danos e actuar naquelas áreas nas que é posible recuperar os cultivos”. A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ofreceu unhas serie de recomendacións aos viticultores para actuar no viñedo afectado polas xeadas da pasada semana e o dende o goberno galego deben establecerse os mecanismos de axuda para que no sector se poidan tomar medidas para tentar recuperar a produción. “Peor é o caso daquelas zonas nas que xa vai ser inviable recuperar as viñas e os viticultores perderán a produción deste ano” dixo Olalla Rodil que engadiu “nestes casos é nos que as axudas directas teñen que ser prioritarias”.