Olalla Rodil: “a Xunta de Galiza ten que implicarse na xestión das salas museísticas”
As deputadas do BNG, Olalla Rodil e Carme Aira, visitaron con Maite Ferreiro e Efrén Castro as salas museísticas de Lugo
“A nova lei de museos ten que incluír a colaboración cos concellos e deputacións para promocionar as súas coleccións e fondos”, explicou Olalla Rodil
Lugo, 17 de xaneiro de 2021. As deputadas do BNG Olalla Rodil e Carme Aira, visitaron con Maite Ferreiro e Efrén Castro as salas museísticas do Concello de Lugo. Olalla Rodil puxo en valor “o traballo realizado polo BNG no goberno do Concello e da Deputación para promocionar as distintas salas museísticas entre a veciñanza e como elemento turístico e formativo”.
“A Xunta de Galiza ten que implicarse na xestión das salas museísticas e potenciar o seu valor tanto turístico como no campo da investigación”, explicou Olalla Rodil, que engadiu “desde o BNG defendemos que na nova lei de museos que se está a tramitar o goberno do Partido Popular se inclúa a colaboración cos concellos e deputacións que contan con fondos e coleccións significativas para promocionalas e potencialas”.
Rodil afirmou que o proxecto presentado polo goberno galego é "pouco ambicioso" e comparouno co proxecto de mellora das salas museísticas que está a levar adiante o BNG desde o Concello e a Deputación, promocionando as exposicións e organizando actividades para toda a veciñanza.