“A PASTORIZA PRECISA DUN GOBERNO NACIONALISTA PARA SEGUIR AVANZADO” DIXO ELVA CARRERA

“A PASTORIZA PRECISA DUN GOBERNO NACIONALISTA PARA SEGUIR AVANZADO” DIXO ELVA CARRERA

Fotografía_candidata_APastoriza“Transparencia, traballo, honradez e ilusión son as máximas que sempre caracterizaron ao nacionalismo galego e coas que desde o BNG-Asembleas Abertas seguiremos a traballar para construír entre todas e todos unha Pastoriza mellor” sinalou a candidata nacionalista.

“Querémoslle ao noso Concello, por iso traballaremos incansablemente, como o BNG leva facendo todos estes anos, para seguir a construír unha Pastoriza con futuro” dixo Elva Carrera.

A Pastoriza, 25 de abril de 2015. Elva Carrera, de 48 anos de idade, recunca como candidata á Alcaldía do Concello de A Pastoriza polo BNG – Asembleas Abertas nas vindeiras eleccións municipais do mes de maio. A nacionalista, que é Tenente de Alcalde do Concello da Pastoriza e responsábel diversas Áreas de goberno desde hai 8 anos, afirmou que “A Pastoriza precisa dun goberno nacionalista para seguir avanzando”.

Elva Carrera sinalou que “desde o BNG-Asembleas Abertas queremos seguir a construír un Concello aberto ás veciñas e veciños, como así o fixemos todos estes anos desde a Tenencia de Alcaldía” dixo. “Transparencia, traballo, honradez e ilusión son as máximas que sempre caracterizaron ao nacionalismo galego e coas que desde o BNG-Asembleas Abertas seguiremos a traballar para construír entre todas e todos unha Pastoriza mellor” sinalou.

A candidata nacionalista salientou que, “dende o BNG – Asembleas Abertas loitaremos para que todas as xestións que leva a cabo o Concello sexan claras e transparentes”. “Apostamos por outro xeito de gobernar, baseado no traballo, na seriedade e no respecto rigoroso á democracia” expuxo.

 

Unha Pastoriza con futuro da man do BNG-AA.

Elva Carrera puxo en valor os avances conseguidos para a Pastoriza desde as Áreas gobernadas polo BNG, “ampliamos o servizo a dependentes, sendo a día de hoxe un dos poucos Concellos galegos que presta servizo a domicilio todos os días da semana tanto en horario de mañá como de tarde, e tamén nas fins de semana. Desde a Área de servizos sociais fixamos tamén como fundamental a atención ás e aos nosos maiores facendo que poidesen desfrutar de obradoiros de memoria, ximnasia de mantemento, viaxes culturais, entre outras moitas actividades” indicou.

No que ao deporte respecta, a nacionalista sinalou tamén que “desde o BNG pulamos sempre pola igualdade de oportunidades para as nosas nenas e nenos e para a nosa mocidade. Así, nun Concello rural como é A Pastoriza, potenciáronse as Escolas deportivas, que eu mesma presido, e puxéronse en marcha campamentos con actividades como o piragüismo, o snowboard ou o ski, buscando que as e os máis novos da Pastoriza poidesen gozar de deportes menos accesíbeis desde un Concello coma o noso.”

No que atinxe aos sectores produtivos, Elva Carrera destacou “a posta en funcionamento de vivendas sociais nas que as día de hoxe xa están a vivir varias familias, a dotación dunha liña de media e alta tensión no Polígono Industrial que favoreceu o asentamento de máis empresas no mesmo así como o arranxo de camiños rurais para facilitar as labores agrícolas, unha mostra máis do noso apoio decidido e constante ao medio rural e a actividade agrogandeira, un sector fundamental para vida e a economía de A Pastoriza”

 

Un BNG- Asembleas Abertas con máis forza é necesario para que A Pastoriza siga avanzando.

Elva Carrera sinalou que “desde o BNG-Asembleas Abertas queremos un Concello vivo, e nese obxectivo levamos traballando todos estes anos” dixo. “A Pastoriza ten múltiples potencialidades que é necesario que se sigan a por en valor, xerando emprego coa aposta por sectores produtivos fundamentais como o agrogandeiro ou o comercio local, entre outros” indicou a nacionalista.

Así mesmo, Elva Carrera engadiu que desde o BNG-Asembleas Abertas “queremos que as nosas mozas e mozos sigan vivindo e traballando na Pastoriza e, para isto, é fundamental que continuemos a por en valor tamén a riqueza paisaxística e medioambiental do noso Concello, que é moita” dixo. “En definitiva, querémoslle ao noso Concello, por iso traballaremos incansablemente como o BNG leva facendo todos estes anos para seguir a construír unha Pastoriza con futuro, este é o único interese que move á equipa que formamos o BNG-Asembleas Abertas”.

Por último, a nacionalista agradeceu o apoio das compañeiras e compañeiros do BNG-Asembleas Abertas que confiaron nela para recuncar como candidata ás vindeiras Eleccións Municipais, e dixo afrontar esta cita electoral “con ilusión e co convencemento de que é moi necesario que o BNG-Asembleas Abertas teña máis forza no noso Concello, para consolidar todo o acadado durante estes 8 anos, e para seguir avanzando”. Para conseguir isto, Elva Carrera sinalou que o BNG-Asembleas Abertas levará a cabo “unha campaña electoral activa, falando con toda a veciñanza da Pastoriza para escoitala como sempre fixemos e trasladarlles as nosas propostas” dixo a nacionalista.

“A PASTORIZA PRECISA DUN GOBERNO NACIONALISTA PARA SEGUIR AVANZADO” DIXO ELVA CARRERA